SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 Dic. (EUROPA PRESS) -
O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle este luns a nova Lei de Igualdade de Galicia, un texto que actualiza a normativa galega aprobada en 2004.
A lei foi aprobada o pasado día 21 de novembro no pleno do Parlamento de Galicia con só os votos a favor do PP, tendo en conta que a oposición optou pola abstención ao considerar que carece de "avances" e queda nunha "simple declaración de intencións".
No pleno, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, destacou que coa aprobación desta lei finalizan "anos" de "duro traballo e negociacións" cos axentes sociais, persoal experto e partidos para "conseguir un texto á altura das circunstancias".
"Permite actualizar o marco normativo e situar á Comunidade á vangarda da igualdade", dixo conselleira, que sinalou que a súa aprobación vén precedida dun proceso de elaboración "aberto e participativo", marcado por unha "vocación de diálogo" para tratar de conseguir "o maior consenso posible", "tamén no ámbito parlamentario".
A titular de Promoción do Emprego e Igualdade asegurou que esta norma mellorará os dereitos das mulleres, a visibilización da discriminación, fomentará espazos urbanos libres de violencias e acoso, mellorará a formación das mulleres e fomentará o emprego feminino. Ademais, apuntou que "incide na erradicación das actitudes machistas no ámbito da cultura e o deporte".
A nova Lei de Igualdade de Galicia entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.