O epidemiólogo Juan Gestal pide prudencia para poder "gozar das festas sen acabar no hospital"

O doutor publica este ano o libro 'Pandemias. As epidemias que arrasaron a humanidade' e pide máis recursos para previlas

Archivo - Arquivo - O doutor e epidemiólogo Juan Gestal na presentación do seu libro 'Pandemias. As epidemias que arrasaron á humanidade'.
BOLANDA EDICIONES - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: viernes, 24 diciembre 2021 14:10

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Dic. (EUROPA PRESS) -

   O epidemiólogo Juan Gestal pide "prudencia" nas próximas celebracións do Nadal, as segundas marcadas pola pandemia, para evitar contaxios "e poder gozar destas festas sen ter que acabar no hospital".

   O doutor, que publicou este ano o libro 'Pandemias. As epidemias que arrasaron á humanidade', advirte a través dun comunicado de que se está producindo un "crecemento rápido" da sexta onda, xa que a variante ómicron pasou "en apenas dúas semanas de supor menos do 4% a máis do 50%".

   A estas declaracións engade unha serie de recomendacións sobre como tentar non contaxiarse este Nadal. Entre elas, están evitar as aglomeracións e reunións entre persoas que non ven habitualmente e que, en caso de non ser posible, fágase uso de medidas de prevención como o uso da FFP2, distancia de seguridade e hixiene de mans.

   "Canto maior sexa o número de persoas coas que nos reunimos, máis posibilidades hai de que algunha poida ser asintomática e nos transmita a infección", lembra este experto.

   O vindeiro luns 27 de decembro conmemórase o Día Internacional da Preparación ante as Epidemias, unha data creada en 2020 polas Nacións Unidas coa se que pretende mostrar a importancia da prevención, preparación e colaboración para dar respostas a estas crises.

   Sobre esta conmemoración, fixada o pasado 2020, o doutor Juan Gestal declarou que é, "sen dúbida", unha consecuencia do ocorrido coa pandemia da covid-19, "que colleu a moitos países sen estar adecuadamente preparados para facerlle fronte".

"MOITAS DEFICIENCIAS" NA SANIDADE ESPAÑOLA

   Neste contexto, Gestal fala tamén das consecuencias da pandemia, explicando que en España puxo en evidencia "moitas deficiencias" do sistema de saúde que esixen urxentes reformas", á vez que agudizou "algunhas xa coñecidas".

   Para a corrección destes erros, explicou, "precísase dotación de recursos humanos, renovación tecnolóxica e cambios nos modelos de xestión e organización do traballo, con menos burocracia e máis tempo para a atención dos pacientes".

   Ademais, engade que se debe mellorar a vixilancia epidemiolóxica e a súa capacidade de intervención" e que esta se integre na asistencia sanitaria, a que considera "unha materia pendente desde hai máis de 20 anos".

Contenido patrocinado