VIGO, 24 Oct. (EUROPA PRESS) -
A familia da nena de 5 anos que denunciou a situación de "acoso" que viviu no seu colexio, o centro concertado Monterrey de Vigo, criticou este venres a inacción do propio colexio e esixiu responsabilidades á dirección e aos profesores.
Os pais da menor participaron nunha concentración que tivo lugar fronte ao centro educativo e matizaron que eles se decataron da situación grazas a que unha estudante informou os seus pais e esta familia trasladoulles o que ocorría. "É triste que nos decatamos por outra nena, e non porque o colexio nos informase", criticaron e explicaron que, após coñecer os feitos, foron eles quen solicitaron ao colexio que activase o protocolo para casos de acoso e denunciaron ante a Inspección Educativa.
Esta familia mantén que, en contra do que sostén o colexio, a situación que afectou á súa filla durante polo menos dúas semanas, non foi un simple problema de convivencia ou de comportamentos violentos, senón un claro caso de acoso escolar.
A súa filla está en primeiro curso de Primaria e, segundo detallaron, un grupo de alumnos de sexto curso "arrastrábana polo chan, subíana a árbores, deixábana alí, con sudaderas tapábanlle a cabeza e facían coma se fose un saco de boxeo, moitas agresións -- tamén verbalmente --, facíanlle comer follas, ...".
"O centro di que foi violencia, pero a diferenza entre violencia e acoso creo que a sabemos todo o mundo. Estamos a falar de feitos reiterados, estamos a falar de abuso de poder e que son humillacións, son vexacións, é dicir, cúmprense todos os patróns do acoso", sinalou a nai da nena, que asegurou que se abriron outro tres expedientes nese colexio por outros tantos supostos casos.
SEN MEDIDAS DESDE O PRINCIPIO
Así mesmo, lamentaron que haxa profesores e mesmo outros pais que reduzan os feitos a "cousas de nenos", e cualificaron como "preocupante" que non se tomaron medidas desde o principio, porque si houbo alumnos que informaron o centro do que estaba a pasar.
Por iso, recoñeceron que existe unha "desconfianza" deles e doutras familias cara ao colexio, sobre se os nenos e nenas estarán seguros, e esixiron medidas e adopción de responsabilidades para que esta situación non se repita.
Finalmente, explicaron que descoñecen as medidas que se adoptaron con respecto aos supostos acosadores, despois de que a Consellería de Educación informase da apertura, por parte do colexio, de cinco "procedementos correctores con sancións".
"Grazas a deus, a nosa filla ten un carácter forte, e ao final interpretábao como un xogo. Falamos con ela para que saiba que iso non está ben (...)", sinalaron, e insistiron en que, "se se mira cara a outro lado" e non se toman medidas, "están a crearse agresores en potencia".
Os pais da nena afectada aclararon que o seu desexo con esta denuncia pública non é a "vinganza". "O único que queremos é xustiza e estar tranquilos, poder deixar aos nosos fillos", remarcaron, e apelaron ao labor dos profesores e educadores, que teñen responsabilidade sobre os nenos cando están no colexio, á vez que lamentaron que o centro se limitase a pedir perdón "pero non a recoñecer os seus fallos" e que falte "formación" para actuar nestes casos.
Finalmente, tamén censuraron algunhas accións levadas a cabo polo centro, como pedir á súa filla en clase que sinalase aos seus agresores, "que lle dobran a idade", ou que "na súa propia clase fágana levantarse para contar aos seus compañeiros que lle fixeron". "Creo que a miña filla de 5 anos non ten que pasar ese grolo", resolveron o pai.E despois dinme que crea que o protocolo se axustou ben. Non, eu non. Non, porque xa con eses fallos para min son imperdoables. Non teñen formación.
MANIFESTO
Na concentración ante o colexio, unha portavoz da familia leu un manifesto "pola dignidade e a protección da infancia", no que, ademais de relatar os feitos que afectaron a esta nena, as familias criticaron que se pechou " o caso aplicando un procedemento corrector interno, coma se unha agresión física e reiterada a unha menor de cinco anos fose algo menor" e advertiron que "o que presentan como medidas (a vixilancia e control) é o que debería facerse cada día, non unha actuación excepcional". "E por iso queremos deixalo claro: o ocorrido si é acoso escolar", proclamaron.
Após denunciar que "ningún adulto" detivo o que ocorría no patio con esta nena, e que o colexio non tomou as medidas adecuadas, reclamaron á Xunta "que actúe de oficio" e que a Inspección Educativa "interveña cando un centro minimice unha agresión, que é o que ocorreu aquí".
Nese sentido, remarcaron que este caso non é illado no centro, e insistiron na urxencia de actuar para que o problema non acabe nun final tráfico ou nunha perda irreparable, á vez que censuraron a actitude do colexio, por tomar medidas "que pon o foco na vítima", porque "iso non é protección, é estigmatización".