Carlos Castro - Europa Press
LUGO, 18 Mar. (EUROPA PRESS) -
Un home resultou ferido nunha perna con impacto de bala no marco dunha liorta rexistrada este mércores en Lugo.
Así o confirmaron a Europa Press fontes da Policía Nacional, que precisaron que na pelexa participaron varios membros de dous clans de etnia xitana da cidade, que estarían enfrontados.
O suceso produciuse na Rúa Primavera preto das 14,00 horas, en plena rúa e con varios viandantes como testemuñas.
O autor fuxiría a bordo dun vehículo, pero o conflito entre os integrantes de ambas as familias xitanas continuou entre berros e ameazas. O incidente, ademais de mobilizar un amplo dispositivo con axentes da Policía Local e da Policía Nacional, obrigou a cortar a calzada, ocupada polos integrantes dos clans.
Polo momento non chegaron a producirse detencións, aínda que a Policía Nacional confirma que se abriu unha investigación sobre os feitos. Houbo danos polo menos nun vehículo estacionado na zona e tamén nun portal.
TRASLADADO AO HULA
O ferido foi trasladado ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).
Até o centro hospitalario tamén se desprazaron membros da familia do ferido, que permanecen na contorna do mesmo e na zona de Urxencias.