O ministerio público retira unha atenuante e segue pedindo 18 anos de cárcere
VIGO, 23 Mar. (EUROPA PRESS) -
A Fiscalía mantén a súa petición de 18 anos de cárcere para Manuel M.B., como autor do asasinato de Roberto C.P., o seu provedor de cocaína, ao que supostamente asfixiou até a morte no seu domicilio da parroquia de Chapela, en Redondela (Pontevedra), xaneiro de 2021.
Este xoves celebrouse a última sesión do xuízo, con tribunal de xurado, na sección quinta da Audiencia de Pontevedra, con sede en Vigo, contra este home, e está previsto que pola tarde comece a deliberación do tribunal popular para chegar a un veredicto.
No seu informe final, a representante do ministerio público modificou as súas conclusións para retirar a atenuante de confesión, ao entender que o acusado "non tiña vontade de colaborar coa xustiza" porque, aínda que levou á Policía até o lugar onde escondera as chaves e o teléfono da vítima, só accedeu a desvelar ese agocho cando lle deron un ultimatum, e despois de estar "mareando".
En todo caso, mantén a acusación de asasinato e a petición de 18 anos de cárcere, xa que entende que Manuel acudiu a casa de Roberto "coa intención de matalo" e por iso levou consigo unhas luvas e unha cinta de embalar que logo utilizou.
Ademais, subliñou na súa exposición, atacou á vítima por detrás, sen que esta tivese "a máis mínima posibilidade de defensa" e, a pesar de que puido facelo, non deixou de comprimirlle o pescozo, coa boca tapada, para asegurarse da morte. "Estamos convencidos de que non foi un accidente (...) é alguén desconfiado, sentíase humillado porque Roberto non lle fiaba e a cocaína que lle vendía era de peor calidade que a que lle vendía a outros clientes, por iso quería resarcirse", aseverou.
Respecto diso, a Fiscal rexeitou a posibilidade de que un terceiro participase nestes feitos, como suxeriu a defensa, e tamén remarcou que o argumento de que Manuel foi a casa de Roberto a roubarlle "non se sostén", porque deixou no domicilio varias papelinas de cocaína e diñeiro. "Foi un ataque a traizón e por detrás, elixiu matalo así", reiterou, e engadiu que o atou e amordazou con cinta cando xa estaba morto ou agonizante, e levou as chaves do domicilio, probablemente para volver noutro momento e "levar o cadáver a outro sitio".
Finalmente, tamén pediulle ao xurado que "non se deixe enganar" acerca da saúde do mental do acusado, que "se está facendo o tolo para que se lle rebaixe a pena". Nese sentido, lembrou o testemuño das forenses, e sinalou que o trastorno de personalidade de Manuel non implica que sufra brotes psicóticos, e "sabía perfectamente o que facía".
HOMICIDIO IMPRUDENTE
Pola súa banda, o avogado da defensa reclamou a libre absolución e, subsidiariamente, se é condenado, que o sexa por un delito de homicidio imprudente (con penas moito menores), e que se teña en conta a atenuante de confesión e a eximente (ou alomenos unha atenuante) polo seu trastorno de personalidade e o seu trastorno por consumo de sustancias estupefacientes.
"Estou convencido de que Manuel en ningún momento quería matar a Roberto", proclamou, aínda que recoñeceu que "o máis probable é que lle causase a morte", de forma non intencionada. "Ía roubar, pero ao reducilo, houbo unhas circunstancias que provocaron a súa morte", afirmou.
Así, subliñou que "se alguén quere matar non vai cunha cinta de embalar e unhas luvas, senón cun coitelo ou martelo"; así mesmo, indicou que, se tivese a certeza de que matara a Roberto, non lle tería amordazado a boca, unha medida que adoptou convencido de que seguía vivo e de que podería gritar e avisar a alguén do ocorrido.
Ademais, lembrou que a vítima tiña un problema grave na tráquea que reducía a súa capacidade de respirar nun 60 % e que por iso faleceu, tan rápido, "sen ter sequera tapada o nariz". "Manuel non o soltou antes porque non lle deu tempo (...) se fose outra persona, sen ese problema na larinxe, estaría viva", asegurou.
"Non negamos a asfixia, pero non había intención de matar. Foi unha imprudencia que xerou un risco innecesario e que acabou na morte, pero Manuel non sabía que Roberto ía morrer", insistiu, e lembrou que o acusado non pertencía ao círculo íntimo da vítima e non sabía que tivese eses problemas para respirar.
O avogado da defensa subliñou que Manuel ten ideas delirantes, que son un síntoma psicótico, e que cando ocorreron estes feitos tiña as súas capacidades mermadas.
Manuel M.B. fixo uso do seu dereito á última palabra para dirixirse ao tribunal e proclamar: "En ningún momento fun a matalo a el nin a ningunha outra persona".