Carlos Castro - Europa Press - Archivo
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Dic. (EUROPA PRESS) -
As temperaturas de toda Galicia, exceptuando litoral e prelitoral, situáronse ao redor dos 0ºC durante a madrudaga deste domingo, cando a cota de neve baixou até os 600 metros. Nos municipios máis próximos á costa, as mínimas oscilaron entre 4 e 7 graos, segundo información recollida por Meteogalicia nun mapa.
O descenso nos termómetros foi maior en altitudes superiores a 900 metros, como Cabeza de Manzaneda ou Xares (na Veiga) --ambos en Ourense--, onde as estacións de medición rexistraron valores de -6,3ºC e -6,1ºC, respectivamente.
Até as 15.00 horas do domingo, o servizo meteorolóxico mantén activados avisos amarelos por acumulacións de neve superior aos 5 centímetros en municipios das montañas de Ourense e Lugo. Nesta última provincia, a Deputación reforzou o dispositivo despregado para despexar a neve das estradas.
Por outra banda, o noroeste da Coruña, Costa da Morte e Rías Baixas permanecen en aviso laranxa por ondas de entre 5 e 6 metros. Na Mariña lucense, a alerta rebáixase ao nivel amarelo por ondas de entre 4 e 5 metros.
ALERTA AMARELA PARA O LUNS
Mentres as alertas por neve desaparecen, este luns continúa a situación complicada no mar no litoral norte. Así, o noroeste da Coruña, Costa da Morte, Rías Baixas e a Mariña lucense estarán en nivel amarelo por ondas de entre 4 e 5 metros.
Ademais, Meteogalicia activará avisos amarelos desde as 03.00 até as 21.00 por vento no mar no noroeste da Coruña e a Mariña lucense. Serán rafágas de forza 7 (até 50 km/h), con intervalos de 8 (até 60 km/h).