Hijos de Rivera aumenta a súa cifra de negocio un 7% en 2024, co obxectivo este ano de apostar pola diversificación

Inaugurará o próximo 19 de xuño a súa fábrica de Estrella Galicia, a máis grande de España e entre as maiores de Europa

Ignacio Rivera, presidente executivo da Corporación Fillos de Rivera, durante a presentación de resultados do ano 2024
HIJOS DE RIVERA
Europa Press Galicia
Publicado: martes, 3 junio 2025 13:34

A CORUÑA, 3 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Corporación Hijos de Rivera aumentou en 2024 a súa cifra de negocio un 6,9%, nun ano cun descenso de 11,2% do beneficio despois de impostos nun contexto de investimento na nova fábrica de Estrella Galicia, no polígono de Morás, en Arteixo (A Coruña), a máis grande de España e que se situará tamén entre as máis amplas de Europa.

Así o expuxo, na presentación dos resultados, o seu presidente executivo, Ignacio Rivera, quen destacou o crecemento da compañía pese ao descenso dun 0,41% das vendas no sector do cervexeiro. A iso, sumou o "esforzo en investimento para prepararnos para o futuro".

"Crecemos moito e a nosa intención é seguir", aseverou após un 2024 no que se alcanzou unha cifra de negocio de 886 millóns, un 6,9% máis que no exercicio anterior e con aumento de consumo tanto na cervexa que distribúe a compañía (+4,6%) como na auga (+3%). En concreto, as vendas foron de 544 millóns de litros de cervexa e 237 millóns de litros de auga.

Isto cun Ebitda -- o resultado bruto de explotación -- que alcanzou os 211 millóns fronte aos 205 do ano anterior, o que supuxo un crecemento do 2,9 por cento. Mentres, o beneficio despois de impostos descendeu un 11,2 por cento, pasando de 107 millóns a 95 millóns.

En 2024, houbo, á súa vez, un aumento dun 13% das contratacións e dun 90 por cento de indefinidas. Doutra banda, o investimento alcanzou os 168 millóns para a finalización das obras e posta en marcha da fábrica no polígono de Morás, en Arteixo (A Coruña), de Estrella Galicia, unha das plantas de cervexa máis grande de Europa. A súa inauguración será, segundo concretou, o próximo 19 de xuño.

CRECEMENTO E DIVERSIFICACIÓN

Respecto ao futuro, Rivera insistiu en que o obxectivo é seguir avanzando no plan estratéxico. "Entre xuño e setembro veremos tres lanzamentos de novas bebidas", indicou en relación a algunhas das propostas previstas.

Incidindo no crecemento, asegurou que non será "crecer por crecer" senón buscando a diferenciación co "resto de competidores" e apostando pola "diversificación".

"Seguir crecendo, pero non perder de onde vimos, sentimos artesáns e seguimos 'cociñando' en A Coruña", dixo para recalcar que, sen perder a orixe, non se conforman "con ser os máis vendidos" senón que buscan "a diferenza".

Ademais, e xa a preguntas dos xornalistas, explicou que seguirán centrados en auga e cervexa, pero explorando outros ámbitos como a "gama non alcohólica". "Europa é un eixo importante igual que América", sentenciou tamén.

UNHA COMPAÑÍA "SANEADA"

En canto á caída do beneficio en investimentos fixo referencia á fábrica de Morás, pero subliñou que son unha compañía "saneada" con repartición de dividendos.

"Estamos, cada cinco anos, dobrando a cifra de facturación, o soño segue sendo ese ese", apuntou respecto ao aumento da mesma de aquí a 2030 para indicar que o plan actual é até 2027 e que a segunda fase será até o 2030.

"Hai que facer as cousas con sentidiño e con ambición", sinalou para asegurar que o seu obxectivo é que o volume do mercado internacional sexa un terzo das vendas "con todo o crecemento que imos facer", engadiu con alusión a mercados como México, Estados Unidos, Sudamérica ou Asia.

Todo isto para aludir, ademais, aotras apostas como Lupia, unha cervexa de colleita propia de lúpulo que busca crear unha nova categoría no sector e que se converte na súa terceira marca de cervexas. "Seguimos desenvolvendo este cultivo", indicou para aseverar que o obxectivo é "duplicar" produción.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado