Un incendio activo en Teo (A Coruña) queima polo menos 12 hectáreas

A consellería solicita medios aéreos e a titular do departamento desprázase ata a parroquia de Calo

Humo procedente del incendio de Teo en el cielo de Santiago
Foto: EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 29 junio 2015 20:34

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Jun. (EUROPA PRESS) -

   Un incendio forestal declarado en Teo (A Coruña), na parroquia de Calo, arrasou polo menos unhas 12 hectáreas e atópase próximo a casas, segundo os datos que trasladan a Europa Press fontes da Consellería de Medio Rural.

   As lapas rexístranse na parroquia de Calo dende as 17,42 horas e nos labores para controlalas participan dous axentes, tres brigadas e dúas motobombas, pero a consellería solicitou xa a intervención de medios aéreos.

   A titular de Medio Rural, Rosa Quintana, pola súa banda, desprazouse ata o punto, despois de que o seu departamento solicitase a denominada 'situación 2', por afectación ambiental.

   En concreto, esta medida actívase cando un incendio afecta gravemente a poboacións e bens non forestais e require a adopción inmediata de medidas de protección e socorro.

LUME EN MALLOU

   Pola súa banda, bombeiros de Santiago desprazáronse ata Mallou este luns para apagar un lume no monte desta zona da capital galega, de pequenas dimensións, segundo informaron fontes deste corpo.

   Tamén en Valdoviño, na bisbarra de Ferrolterra, un incendio se declarou nunha zona de maleza, e o fume afectou a casas próximas, segundo informan os bombeiros de Ferrol. Acudiron a sufocalo tanto eles como efectivos do GES de Mugardos e brigadistas do distrito forestal correspondente.

   Nun día de elevadas temperaturas, o índice de risco de incendio forestal é extremo en grande parte da comunidade galega. O fume procedente do lume de Teo foi visible dende amplas zonas da capital galega durante a tarde do luns.

Artículos Relacionados

Contenido patrocinado