IPC.- UGT e CC.OO. recordan que os salarios soben por debaixo do IPC e o aumento do IVE "deteriora" as rendas

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 12 septiembre 2012 22:42

SANTIAGO DE COMPOSTELA 12 Sep. (EUROPA PRESS) -

UGT e CC.OO. destacaron, tras coñecerse que o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) creceu un 0,7% en agosto (un 2,6 respecto a hai un ano), que os salarios aumentan por debaixo desas cifras e criticaron medidas como a suba do IVE, que "deteriora" as rendas das familias.

UGT considerou que os datos de agosto mostran "unha clara debilidade" da actividade económica, así como a "clara presión que exercen as rendas empresariais" que, ante a conxuntura actual, "apostan por elevar prezos para non diminuír beneficios".

O Goberno, advirte o sindicato, está a "afondar máis na recesión coas medidas que leva a cabo", entre as que se refire ao "recorte dos salarios dos empregados públicos", o cambio de condicións na prestación de desemprego ou a suba do IVE. Con estas iniciativas, "dificilmente se retomará a vía da recuperación", avisa.

Así mesmo, UGT volveu pedir que os obxectivos da política se "reorienten" a favor dun crecemento sostible, duradeiro e equilibrado, co fin de crear emprego "estable, de calidade e con dereito". Para iso piden un "sistema fiscal xusto" que evite medidas como subir os impostos indirectos, o que "deteriora claramente as rendas dunha cidadanía xa con claras dificultades".

Pola súa parte, CC.OO. indicou que a suba do IPC "dificulta o consumo" e continúa minguando a capacidade adquisitiva dos traballadores, posto que a suba salarial pactada de media nos convenios colectivos para 2012 "non chega ese 2,6%" nin no Estado nin en Galicia.

Esta é "outra das maneiras nas que os traballadores pagan a crise da que non son responsables", lamenta o sindicato, que destaca que cos salarios non se pode facer fronte á suba dos prezos no que vai de ano, "máis aínda co incremento que experimentaron en agosto".

A situación, agrega CC.OO., "faise máis difícil co impacto que teñen nos prezos a recente suba do IVE e os cambios na normativa de financiamento dos medicamentos", que "obrigan as persoas coas que se está a cebar máis a crise", como os pensionistas ou os desempregados, a "facer un esforzo adicional". Nesta situación, o sindicato critica que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, estea "máis preocupado por dedicarse á campaña electoral que de medidas que palien a situación".

Contenido patrocinado