En Marea activará o seu proceso de primarias cando peche o prazo para rexistrar coalicións

Villares apóiase nas primeiras enquisas para avisar que PSOE, BNG e Podemos "non suman para unha maioría progresista alternativa a Feijóo"

O portavoz de En Marea no Parlamento de Galicia, Luís Villares, durante unha entrevista con Europa  Press no Parlamento de Galicia, en Santiago de Compostela/Galicia (España) a 16 de xaneiro de 2020.
Álvaro Ballesteros - Europa Press
Europa Press Galicia
Publicado: sábado, 15 febrero 2020 16:59

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Feb. (EUROPA PRESS) -

   En Marea activará o seu proceso de primarias para a elección dos seus candidatos ás eleccións autonómicas do 5 de abril despois do 21 de febreiro, día no que se pecha o prazo para o rexistro de coalicións e, por tanto, quedará despexada a incógnita de como concorrerá á cita coas urnas a formación que lidera Luís Villares.

   Así o acordou o Consello das Mareas, máximo órgano de dirección do partido, na súa reunión deste sábado após a que Villares compareceu en rolda de prensa para apelar ao entendemento das forzas "soberanistas" e "progresistas" de cara á configuración dunha candidatura unitaria.

   Villares apoiouse nas primeiras enquisas electorais para o próximo 5 de abril para afirmar que "PSOE, BNG e Podemos non son capaces de sumar" de cara a lograr "unha maioría progresista alternativa" ao Partido Popular de Alberto Núñez Feijóo.

   "Son incapaces por si sós, necesitan doutras forzas progresistas para que a maioría social sexa tamén electoral", resaltou Villares, que subliñou a disposición do seu partido a crear unha lista unitaria do "soberanismo" de carácter progresista.

   Ante o vencimiento do prazo para o rexistro de coalicións o vindeiro venres, o maxistrado lucense chamou a "seguir traballando" para "explorar alianzas con forzas soberanistas e municipalistas".

   "Seguimos coas portas abertas para un acordo cooperativo e horizontal. Non admitimos vetos nin exclusións", afirmou o portavoz de En Marea, que chama ao entendemento para combater "a tiranía do 5 por cento", en referencia ao límite legal de votos para obter representación nas eleccións autonómicas galegas.

   "Somos a chave da derrota da dereita", subliñou, antes de instar a "que todo o mundo teña capacidade de diálogo e altura de miras" para "construír unha maioría capaz de ilusionar" na que "relanzar" o municipalismo "en clave de país" é "esencial".

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado