A mostra 'As miradas de Isaac' chega a Vigo após o seu paso por Santiago e A Coruña, onde recibiu máis de 30.000 visitas

Poderá verse na cidade olívica desde finais de setembro a finais de novembro

Presentación en Vigo da mostra 'As miradas de Isaac', que poderá verse na cidade entre finais de setembro e finais de novembro, após o seu paso pola Cidade da Cultura e a sede de Afundación na Coruña.
XUNTA DE GALICIA
Europa Press Galicia
Publicado: lunes, 6 septiembre 2021 17:50

VIGO, 6 Sep. (EUROPA PRESS) -

A Xunta de Galicia e Afundación levan a Vigo a exposición 'As miradas de Isaac', en homenaxe a Isaac Díaz Pardo, e que, após o seu paso por Santiago e A Coruña, xa recibiu máis de 30.000 visitas.

A mostra foi inaugurada en novembro de 2020 na Cidade da Cultura, coincidindo co centenario do nacemento de Díaz Pardo, e o seu obxectivo é pór en valor o seu legado e as súas achegas á cultura galega, como impulsor da recuperación da fábrica de cerámica de Sargadelos, do Seminario de Estudos Galegos, do Instituto Galego de Información, da editorial Edicións do Castro ou do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside.

Até maio, a exposición foi visitada por máis de 26.000 persoas no Gaiás e, de xuño a agosto, fixo unha primeira itinerancia na sede de Afundación na Coruña, onde foi gozada por outras 4.000 persoas. En Vigo, 'As miradas de Isaac' poderá verse desde finais de setembro até finais de novembro.

O secretario xeral Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, e o director xerente de Afundación, Pedro Otero, foron os encargados de presentar este luns a mostra viguesa.

O secretario xeral subliñou que, con esta exposición, o goberno galego avanza no seu obxectivo de "achegar a toda a cidadanía contidos producidos na Cidade da Cultura", cun plan de itinerancias das súas exposicións. Deste xeito, o complexo cultural do Gaiás actúa como "factoría de proxectos culturais" que circulan por toda Galicia.

MEDIO MILLEIRO DE PEZAS

'As miradas de Isaac' contará en Vigo cunhas 500 pezas entre obras de arte, murais, cerámicas, carteis, publicacións e obxectos persoais, que reflicten a creatividade dunha personalidade imprescindible na cultura galega. A mostra mantén a estrutura en 10 seccións, na que se fai un percorrido polo seu periplo vital e profesional.

As diferentes pezas tamén axudan a coñecer a relación de Isaac Díaz Pardo co exilio e o seu compromiso coa recuperación da memoria histórica, o seu labor como escritor, as súas iniciativas como empresario, ou a súa acción cultural e investigadora no Laboratorio de Formas e no Instituto Galego de Información.

Finalmente, a mostra incorpora como elemento vertebrador a videoinstalación realizada pola neta de Díaz Pardo, Cecilia Díaz Betz, creada a partir de material de arquivo, e na que o propio artista relata a súa vida e obra.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado