CARLOS CASTRO/EUROPA PRESS
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Ago. (EUROPA PRESS) -
Os casos de covid en residencias de maiores subiron até os 121 positivos após notificarse 11 novos casos na residencia de maiores San Vitorio de Baralla. Ademais, negativizouse un dos casos do centro Santa Marta de Vigo.
Tal e como informou o Sergas, o total de casos activos en residencias complétase con 72 infeccións no centro das Gándaras (Lugo), 27 na residencia García Irmáns de Betanzos, catro na de Santa Marta de Vigo e tres na residencia de Soremay de Pontevedra.
Ademais, aínda queda un caso activo na residencia DomusVi Matogrande (A Coruña), na Santo Estebo de Perlío (Fene), outro na de Ribadeo e un máis na residencia de Val de Monterrei.
CENTROS DE DISCAPACIDADE
Con respecto aos centros de discapacidade, o número de total de usuarios contaxiados mantense en 51, con 48 usuarios contaxiados no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Chapela-Redondela, e outro tres usuarios no Fogar e Clínica San Rafael de Vigo.
ACTIVIDADES AO AIRE LIBRE EN RESIDENCIAS
Por outra banda, o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, destacou este xoves a importancia de que os maiores que residen en residencias recuperan as actividades ao aire lubre e realicen un ritmo de vida activo.
Así se expresou Abeijón esta mañá, na que acompañou a usuarios da residencia pública de maiores da Estrada durante unha excursión en catamarán pola ría de Arousa.
Segundo sinalou a Consellería de Política Social nun comunicado, os usuarios da residencia da Estrada puideron realizar unha degustación de mexillóns durante a viaxe en catamarán, que partiu do porto do Grove. Após a ruta, a visita continuou cunha comida no restaurante Brandomil de Vilanova de Arousa e un paseo pola praia da Concha, en Vilagarcía de Arousa.