SANTIAGO DE COMPOSTEla, 2 (EUROPA PRESS)
Representantes dos tres partidos na oposición galega --PSdeG, AGE e BNG-- acudiron este sábado a dar o seu apoio aos afectados por participacións preferentes e obrigas subordinadas, que se manifestaron este sábado en Santiago de Compostela co fin de que lles devolvan a totalidade dos seus aforros, e para reclamar solucións políticas ao Goberno do Partido Popular.
Ao igual que na manifestación do pasado domingo de Queremos Galego ou na súa oposición unánime á decisión da presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, de restrinxir o acceso á tribuna de convidados dos plenos, os tres partidos da oposición deron os seus respaldo á manifestación de estafados por preferentes, que finalizou fronte á residencia oficial do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Deste modo, o voceiro parlamentario do PSdeG, Abel Losada, reclamou o reembolso total deste "roubo" e unha "arbitraxe xeneralizada e obxectivo" para dar saída aos casos galegos, ao tempo que avanzou que esta semana os socialistas se reunirán con representantes dos afectados para coñecer a súa situación.
En declaracións aos medios, Losada recriminou de forma especial que a arbitraxe "foi unha arma electoral durante a campaña" polo que cre que agora debe continuar de forma "transparente".
Abel Losada acudiu á protesta deste sábado acompañado, entre outros, polo secretario de Organización do PSdeG, Pablo García; a vicevoceira, Carmen Gallego; e deputados como Francisco Caamaño, José Luis Méndez ou Xosé Sánchez Bugallo.
AGE PIDE CÁRCERE PARA OS RESPONSABLES
Pola súa banda, o deputado de AGE Juan Fajardo enmarcou a situación dos afectados pola emisión de participacións preferentes nun "caso de corrupción xeneralizada do sistema".
Nesta liña, Fajardo, que estivo acompañado por outros deputados de AGE como Xabier Ron ou Antón Sánchez, demandou que se solucione o problema dos estafados e foi contudente para esixir que os "estafadores" responsables, tanto políticos como do sector bancario, "rematen no cárcere".
O BNG RECLAMA QUE RAJOY ESTABLEZA "NORMAS" BANCARIAS
Así mesmo, o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, demandou unha solución política e remarcou que "o Goberno de Rajoy ten que establecer as normas para que a banca devolva o que de xustiza é dos seus donos".
Por iso, esixiu que se devolva do "cen por cento" dos aforros dos galegos estafados por participacións e subordinadas, á vez que cargou contra a "estafa" realizada polos bancos.