SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 Mar. (EUROPA PRESS) -
O home de 49 anos que deu positivo por Coronavirus no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), o primeiro en Galicia, foi atendido o luns no servizo de Urxencias deste hospital, onde se activou na tarde dese día o protocolo para esta patoloxía. Nestes momentos, mantense estable "dentro da gravidade" e ingresado nunha planta convencional do centro.
Así o trasladou este mércores a xefa de servizo de Medicina Preventiva do centro hospitalario, María José Pereira, nunha rolda de prensa en Santiago para informar os detalles deste primeiro positivo na Comunidade, na que tamén participaron o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o subdirector xeral de Epidemioloxía, Xurxo Hervada, así como outros integrantes do departamento.
O home, residente en Madrid, chegou a Galicia para participar nunha entrevista de traballo. O luns, dada a súa sintomatoloxía, acudiu ao servizo de Urxencias do Hospital da Coruña ao redor das 13,00 horas.
Nun principio, explicou María José Pereira, o paciente "non cumpría criterios epidemiolóxicos" para consideralo un caso sospeitoso, dado que non estivera en zonas ou países onde "o virus esta circulando". No entanto, foi diagnosticado dunha pneumonía de orixe descoñecida, unha patoloxía ante a que o último protocolo acordado co Ministerio de Sanidade recomenda facer as probas.
Con iso, de forma preventiva, activouse na tarde do luns o "protocolo de sospeita" do COVID-19 e tomáronse "as medidas de protección a profesionais e pacientes" que estiveron en contacto con el en Urxencias.
Nun primeiro momento, as probas practicadas na Coruña non foron concluíntes, e remitíronse este martes ao Centro Nacional de Microbiología para a súa análise. Neste caso, os resultados si foron positivos a Coronavirus.
"ESTABLE" DENTRO DA SÚA SITUACIÓN "GRAVE"
En canto á situación actual do paciente, Maria José Pereira explicou que se atopa nunha unidade de hospitalización "convencional" --non tivo que ser ingresado na UCI-- e está "estable" dentro da súa situación "grave".
Máis en concreto, o seu estado de saúde mantívose "estable" desde "que se iniciou o tratamento específico" para a doenza, hai 24 horas.