Publicacións e actos musicais polos 50 anos das Letras Galegas

Xosé Luís Méndez Ferrín
EUROPA PRESS
Actualizado 21/01/2012 16:05:43 CET

Nomea académicos a Ana Isabel Boullón Agrelo, Xosé Henrique Costas González, Gonzalo Navaza Blanco e Antón Palacio Sánchez

A CORUÑA, 21 Ene. (EUROPA PRESS) -

A Real Academia Galega (RAG) prepara un amplo programa de actividades, no que se inclúen publicacións e actos musicais por toda Galicia, para conmemorar os 50 anos da celebración das Letras Galegas, edición na que será homenaxeado Valentín Paz Andrade.

Así o explicou, en declaracións a Europa Press, o secretario da RAG, Xosé Luis Axeitos, tras comparecer en rolda de prensa xunto ao presidente da institución, Xosé Luis Méndez Ferrín. Segundo resaltou, a Academia "quere dar a máxima difusión" a un proxecto de actos conmemorativos para celebrar o que "é a maior festa cultural de Europa" se se ten en conta o carácter popular e participativo desta.

Axeitos sinalou que a RAG "prepara actos moi importantes", que xestiona con "empresas privadas" debido ás "dificultades" económicas actuais, polo que aborda o programa con empresas de comunicación, industrias e grandes compañías "para poder presentar actos de música, folletos, libros e concertos por todo o país".

En especial, incidiu en que a programación vai dirixida, ao público en xeral, pero moi en particular aos estudantes de ensino secundario, por ser parte "fundamental" da sociedade.

Segundo comentaron, durante 50 anos o Día dás Letras Galegas "penetrou no tecido socio-cultural galego", percorrendo dende a educación primaria á superior, dende o mundo laboral a "innumerable colectivos sociais, dos medios de comunicación ao mundo editorial".

"INSTRUMENTO NORMALIZADOR"

"Deste xeito o Día das Letras Galegas converteuse no noso principal instrumento normalizador da cultura galega xa que todos os estudios que xera teñen como principal referente a construción do país", expón a RAG.

Por iso, a Academia subliña o "lexítimo orgullo" de iniciar esta efeméride en tempos case "clandestinos", ata converterse "grazas ao pobo galego" na conmemoración que é hoxe en día.

O próximo 24 de febreiro, día do nacemento de Rosalía de Castro, a RAG presentará os actos que se celebrarán neste 2012, no que será homenaxeado o Día das Letras Galegas Valentín Paz Andrade.

NOMEAMENTOS

O primeiro plenario de 2012 da RAG serviu, ademais, para nomear a catedrática de lingua e Literatura portuguesa e brasileira do Departamento de literaturas comparadas da Universidade de Roma Tre Giulia Lanciani académica de honra. "É unha eminente investigadora e divulgadora do noso corpus lírico medieval, con edicións e importantes estudios que son referencia obrigada entre os estudosos deste campo", indica a RAG.

Ademais, o plenario acordou nomear académicos a Ana Isabel Boullón Agrelo, Xosé Henrique Costas González, Gonzalo Navaza Blanco e Antón Palacio Sánchez, relacionados coa constitución de diferentes seccións nas que está organizada a Academia e que "están chamadas a desenvolver un importante traballo no ámbito da gramática, lexicografía, onomástica, a literatura e a historia".

Deste modo, estes recén nomeados académicos incorporaranse aos traballos xa programados polas diferentes seccións da Real Academia Galega.