O raposo 'Digochiño', mascota de '#DígochoEu', estréase esta temporada na programación da G2

A segunda canle da TVG emitirá a exitosa serie catalá 'Merlí'

O raposo Digochiño, mascota de '#DígochoEu', xunto á presentadora Esther Estévez
TVG
Europa Press Galicia
Publicado: martes, 3 enero 2023 18:13

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Ene. (EUROPA PRESS) -

   A estrea do raposo 'Digochiño', mascota do espazo '#DígochoEu' que presenta a comunicadora Esther Estévez, é unha das principais novidades da programación da G2 para este ano 2023, no que chegará á segunda canle da TVG a exitosa serie catalá 'Merlí'.

   'Digochiño' é un pequeno raposo azul e branco, as cores da bandeira galega, que vai ter gran protagonismo na nova etapa que estrea o premiado programa '#DígochoEu' na mañá deste sábado 7 de xaneiro.

   A nova mascota da TVG acompañará á presentadora Esther Estévez para explicar galego aos máis pequenos de casa nos espazos entre as series infantís que se emitirán na G2 entre as 09,30 e as 12,30 horas dos sábados.

   Este espazo é unha das principais novidades da grella da segunda canle da TVG no recentemente iniciado ano, no que a G2 "manterá o seu novo concepto de canle temática e seguirá profundando na súa especialización sociocultural", segundo explicou o ente público nun comunicado.

   Nas tardes da semana, a partir das 17,45 horas emitirase 'Retrincos de Galicia', un "colector" que recompilará distintos programas "que comporán un gran documental de Galicia". Antes, na franxa de mediodía, será a quenda de 'Retrincos do mar', dedicado a contidos vinculados ao mundo marítimo.

   Ao redor das 21,00 horas, de luns a venres, terá lugar a emisión de 'A Porta Aberta', que se centrará cada día nun colectivo ou entidade sociocultural galego. A continuación emitirase o informativo 'Zigzag', que pasa á franxa de prime time desde mediados de xaneiro.

   Outro dos pratos fortes deste ano na G2 é a emisión da serie de ficción catalá 'Merlí' ou a estrea do programa 'Grandes Cafés', que repasará as cafetarías máis emblemáticas da Comunidade galega.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado