Rexeitamento sindical ao ERTE na refinaría da Coruña, que ven "inxustificado"

Europa Press Galicia
Publicado: jueves, 8 abril 2021 13:32

A CORUÑA 8 Abr. (EUROPA PRESS) -

Os sindicatos CCOO e CIG expresaron o seu rexeitamento ao expediente de regulación de emprego temporal (ERTE) exposto por Repsol para até "un máximo de 212 persoas", o 31% do cadro, na refinaría da Coruña.

Nun comunicado, a sección sindical da CIG na refinaría cualifícao de "despropósito" e rexeita a "necesidade" do mesmo. "O mantemento dos nosos postos de traballo é o alicerce fundamental no que se sustenta a supervivencia da nosa refinaría".

"A aposta que fixo Repsol, en boca do seu director executivo, Josu Jon Imaz, pola estabilidade do emprego durante os meses duros desta pandemia parece que se dilúe e desaparece", sinala o sindicato que afirma non "compartir nin entender" ningunha das razóns esgrimidas pola empresa.

"Tendo en conta que o horizonte de mellora da situación económica parece que irá ligado a un avance na vacinación da poboación mundial, feito que se está producindo agora mesmo", argumenta tamén a CIG quen acusa á empresa de querer "sacar tallada" da situación da pandemia "para cargar nas costas dos de sempre as rebaixas salariais que propón na negociación do acordo marco e amedrentarnos a través dun ERTE inxustificado".

Pola súa banda, a Federación de Industria de CCOO rexeitou tamén unha medida "contra un persoal que pasou de ser considerando esencial, acudindo mesmo ao seu posto de traballo sen os protocolos sanitarios adecuados nos primeiros momentos da pandemia, a prescindible", afirma en referencia ao ERTE.

Para este sindicato, a redución dos custos fixos laborais "queda moi lonxe" de ser a solución aos actuais problemas de Repsol Petróleo". "Dificilmente unha parte tan pequena do problema, como os custos laborais, pode ser unha parte significativa da solución, polo que consideramos inxusta a medida" incide. Ademais, reprocha á compañía "falta de empatía" cara ao seu "principal activo", indica sobre os traballadores.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado