OURENSE, 11 Jul. (EUROPA PRESS) -
O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou que ve "unha decisión acertada" o acordo entre o Grupo Municipal do PP de Ourense e o Goberno local, liderado por Gonzalo Pérez Jacome (D.O.), para absterse e facilitar a aprobación dos orzamentos da cidade das Burgas.
A preguntas dos medios nun acto na capital ourensá, o presidente dos populares galegos defendeu que o orzamento incorpora "moitas das suxestións" realizadas polo PP local, "pensando en melloras na cidade e nos veciños".
Por iso, insistiu en que están para "traballar e favorecer que as administracións fagan cousas" e, neste contexto, asegurou que "se se incorporan as cousas que se pediron" a postura dos populares de Ourense é "lóxica" e "acertada".
Nesta liña, Alfonso Rueda sostivo que cre "moito" nos orzamentos, fronte aos que queren "facer crer que dá igual telos que non". "Se hai orzamentos e se executan hai unha enorme diferenza entre facer as cousas ben e non poder facelas", manifestou.
ENTRADA NO GOBERNO LOCAL
Así mesmo, preguntado sobre voces dentro do partido que defenden entrar no goberno local, Rueda recoñeceu non ter "todos os datos" para saber "exactamente como está ese tema". En todo caso, reiterou que o acordo para as contas foi unha decisión do Grupo Municipal.
E é que, segundo argumentou o líder do PPdeG, alí onde lles toca ser oposición non están "para impedir que se faga nada" ou para que "todo funcione mal", senón para tratar de, coas súas achegas, facer que "as cousas funcionan mellor" e "mellorar a realidade nos orzamentos".
En definitiva, afirmou que un "pacto con estabilidade" no consistorio local débeno decidir "os compañeiros de Ourense". "Non me corresponde a min, nin é Santiago quen toma estas decisións, pódollo asegurar", subliñou.