SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Jul. (EUROPA PRESS) -
A formación Sadamaioría, que goberna na localidade coruñesa de Sada con seis concelleiros dunha corporación de 17, alcanzou un acordo para establecer unha coalición co BNG (2 edís) e Alternativa dos Veciños (2).
Segundo informou a formación política que lidera o actual rexedor Benito Portela, que repite no cargo por segundo mandato, o acordo permitirá "dotar a Sada dun goberno municipal sólido e estable no próximos catro anos".
A firma do acordo realizarase este luns no salón de plenos do concello. Os portavoces de cada grupo, Benito Portela, Isabel Reimúndez (BNG) e María Nogareda (Alternativa dos Veciños) explicarán aos medios de comunicación o contido do acordo.
Benito Portela foi elixido alcalde na sesión de investidura co apoio do BNG. A corporación complétase con 5 concelleiros do PP e 2 do Partido Socialista.
No pasado mandato, Sadamaioría gobernara en coalición co BNG e o PSOE, pero as dúas edís socialistas abandonaran a corporación en decembro de 2018 polo "nulo diálogo" e as "imposicións" do grupo maioritario de Benito Portela.
Alternativa dos Veciños, a formación impulsada polo alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, entra así no goberno local, despois de obter dous concelleiros nas pasadas eleccións municipais.