Segue sen controlar a vaga de incendios que arrasa máis de 31.500 hectáreas en Galicia

O lume que afecta o Parque Natural do Invernadeiro volve crecer e xa acada as 5.500 hectáreas

Un home camiña pola zona afectada polo lume de Folgoso do Courel, a 20 de xullo de 2022, en Folgoso do Courel, Lugo, Galicia (España). A Consellería de Medio Rural elevou a máis 1.400 os desaloxados por incendios en 80 núcleos nos lumes qu
Carlos Castro - Europa Press
Europa Press Galicia
Publicado: viernes, 22 julio 2022 10:17

   OURENSE, 22 Jul. (EUROPA PRESS) -

   A vaga de incendios que afecta a Galicia desde a semana pasada continúa sen control mentres queima máis de 31.500 hectáreas. Na actualización de Medio Rural da mañá deste venres, o lume de Vilariño de Conso, parroquia de Padroalbar, que afecta o Parque Natural do Invernadeiro, crece até as 5.500 hectáreas, 300 máis que na tarde do xoves.

   Mentres, a superficie arrasada permanece sen cambios nos dous principais lumes, os de Folgoso do Courel-A Pobra do Brollón --no que se xuntaron catro incendios-- e Carballeda de Valdeorras --con afectación ao Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra--, que son xa de proporcións históricas ao superar as 10.000 hectáreas cada un deles.

   Precisamente, as Situacións 2 --alerta por risco de proximidade de chamas ás casas-- que se manteñen activas na comunidade galega son as que afectan os núcleos de: Parada dos Montes (Folgoso), Busto (A Pobra), Candeda (Carballeda) e Gamiz, noutro lume en Folgoso que calcina 1.100 hectáreas.

   Pola súa banda, no municipio de Oímbra (Ourense) hai tres incendios que entraron de Portugal e que a Xunta dá por estabilizados (non controlados). O de maior superficie é o de Rabal, con 2.100 hectáreas, o que supón 300 hectáreas máis que na anterior xornada. Os outros dous son os de Videferre --600 hectáreas-- e San Cibrao --400 hectáreas--.

RESTO DE LUMES

   A lista de incendios en Galicia complétase con media ducia máis en Lugo e o único que hai na provincia de Pontevedra, o de Rodeiro, parroquia de Guillar, que quedou extinguido na noite do xoves despois de calcinar 110 hectáreas --todas de monte arboledo--.

   Así, no municipio lucense de Cervantes hai dous lumes, o do Castro, que está controlado e queima máis de 20 hectáreas, e o de Cereixedo, estabilizado e con 65 hectáreas. En Quiroga, o lume de Outeiro está controlado --250 hectáreas-- e o de Nocedo está estabilizado --15 hectáreas--. A eles súmanse dous incendios controlados en Palas, parroquia de Ramil --375 hectáreas--, e en Antas de Ulla, parroquia de Santa Mariña do Castro de Amarante --40 hectáreas--.

   A esta superficie hai que engadir 619 hectáreas de terreo queimadas por incendios dos que Medio Rural xa informou da súa extinción nos últimos días. En concreto, trátase dos de: Cualedro --31 hectáreas--; Baiona --46 hectáreas--; Melón --dous lumes que suman 98 hectáreas--; Quiroga --83 hectáreas--; Ribadavia --67 hectáreas--; Covelo --37 hectáreas--; Cervantes, parroquias de Donís --75 hectáreas-- e Noceda --182 hectáreas--.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado