SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Ene. (EUROPA PRESS) -
Galicia experimentou un 2025 con temperaturas "extremadamente cálidas", un aumento das choivas concentradas e 192 días con algún tipo de aviso meteorolóxico.
Tal e como trasladou o coordinador de Meteogalicia, Juan Taboada, este martes durante a presentación dos datos do informe climatolóxico anual, o 2025 caracterizouse pola "variabilidade e a irregularidade".
Así, referiuse ao verán, unha época que destaca por "meses moi cálidos e bastante secos", nos que "houbo que dar ao redor de 30 días de avisos polas altas temperaturas". "Tivemos xuño como o mes máis cálido da historia", remarcou.
En canto ás precipitacións, Taboada asegurou que "está a chover máis do normal", pero está a concentrarse en períodos do ano moi concretos. Así, na segunda metade do ano choveu esencialmente desde o 20 de outubro máis ou menos até o 20-21 de decembro.
A temperatura media rexistrada foi de 14,7 graos, un valor que, considérase "extremadamente cálido" e que converte a 2025 no cuarto ano máis cálido desde 1961. De feito, o últimos catro anos tiveron uns rexistros moi similares que os converten nos máis cálidos da serie histórica.
Concretamente, as temperaturas mínimas e máximas rexistraron uns valores medios 1,1 graos superiores ao habitual. Desta forma, dos doces meses do ano, dous foron extremadamente cálidos -- xaneiro e xuño -- e sete moi cálidos ou lixeiramente cálidos. Pola contra, marzo foi lixeiramente frío; setembro, frío e decembro, normal.
Sobre as precipitacións, Ángeles Vázquez apuntou que a media en Galicia foi de "1.524 litros por metro cadrado", o que representa un 18% máis do habitual, polo que 2025 considérase un ano "moi húmido".
NOVA FERRAMENTA
Durante a súa intervención, Taboada presentou unha nova ferramenta para coñecer o comportamento do mar, especialmente nas rías. Segundo explicou, se tata dun modelo biogeoquímico, desenvolvido xunto ao Intecmar e Cetmar, que analiza de forma conxunta todas as Rías Baixas.
O marcador, no que traballaron dous anos, permite facer un seguimento da costa de "moi alta resolución" e incorpora novas variables biogeoquímicas, como os niveis de osíxeno, os nutrientes ou o fitoplacton.
Neste sentido, o obxectivo de Meteogalicia é cubrir toda Galicia con só unha malla. "Polo momento non os temos porque son moitísimos puntos que requiren unha capacidade de cálculo enorme", explicou.
Pola súa banda, a conselleira destacou que Meteogalicia realiza un "traballo transversal" e é a "mellor axuda" que poden ter as distintas Consellerías para desenvolver novos proxectos ou para tomar decisións.
TENDENCIA
Preguntado por se continuará a tendencia de aumento de temperaturas 0,2 graos de media por década, Juan Taboada avanzou que "se vai a manter con moita probabilidade".
"Estamos en 0,2 graos cada década fronte aos 0,25 a nivel estatal, é dicir, en Galicia o incremento de temperaturas é menor pero segue avanzando. Tamén temos que dicir que chove, mesmo máis, pero de maneira distinta", detallou.
Con respecto a este ano, Taboada insistiu en que non se pode predicir o tempo máis aló de 10 ou 15 días, xa que Galicia é un lugar "xeograficamente complexo, con latitudes medias e influencias cruzadas". Polo momento, "continuarán as precipitacións e o frío".