VIGO, 20 Oct. (EUROPA PRESS) -
A Oficina Técnica da Seca acordou na súa reunión deste xoves manter a declaración de seca prolongada en toda a Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, pero con perspectivas "optimistas" de reverter a situación nas próximas semanas.
Foi precisamente a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, a que presidiu o encontro, no que participaron representantes dos departamentos de Protección Civil, Meteogalicia e da Consellería do Medio Rural.
Tal como indicou a Xunta nun comunicado, as precipitacións na primeira quincena de outubro en Galicia foron escasas. Con todo, nos últimos días a situación cambiou, coa chegada da choiva.
Ademais, segundo as predicións, espérase a chegada de novas borrascas nas próximas semanas, polo que poderían achegar auga aos encoros de Galicia-Costa. As precipitacións rexistradas estes días, segundo se analizou no encontro, xa están a ter reflexo nos caudais dos ríos da zona.
Cos datos actuais, a ocupación actual dos encoros é do 53,7%, un 15% inferior á media dos últimos 10 anos. No entanto, as últimas choivas permitiron estabilizar os niveis e, nalgúns casos, aumentalos.
En concreto, encoros como o de Zamáns ou o de Baíña, en especial seguimento, rexistraron tamén esta estabilización, aínda que seguen en niveis de ocupación baixos para esta época do ano. Igual situación vive o de Cecebre, que se atopa ao 38% da súa capacidade, un 22% inferior á media dos últimos anos.
"Coa análise de todos estes indicadores particularizados, a Oficina Técnica da Seca acordou manter para os subsistemas de Baoioa e de Zamáns as medidas equivalentes a un escenario de alerta por escaseza de auga", explicou o Goberno galego, que lembrou que estes sistemas abastecen ás localidades pontevedresas de Nigrán, Baiona e parte de Vigo.
Ademais, decidiu manter a situación de prealerta por escaseza de auga nas concas do río Verdugo, da ría de Vigo e de Baiona, na costa de Pontevedra, no río Lérez e na ría de Pontevedra, así como no río Tambre e nas rías de Muros e Noia, no río Grande e en Camariñas e na costa da Coruña até o límite de Arteixo e no río Anllóns e Mero.