SANTIAGO DE COMPOSTELA 12 Nov. (EUROPA PRESS) -
O grupo de investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio GIS-T do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) celebrará hoxe en Santiago as V Xornadas Sindur que analizarán a relación entre comunidades virtuais, territorio e innovación económica.
O encontro celebrarase na sala de xuntas da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago (USC) e será o profesor da institución académica compostelana Carlos Ferrás Sexto quen, a partir das 10.00 horas, realizará a primeira intervención da xornada que leva o título 'Comunidades virtuais e desenvolvemento urbano-rexional'.
A continuación, o asesor do conselleiro de Innovación para a Sociedade da Información (SI) Antonio Pérez Casas abordará o Plan Galego da SI, e a profesora de xeografía da Universidade de Porto Teresa Sá Marques falará sobre a relación entre as Tecnoloxías da Información e das Comunicacións e a innovación económica.
As xornadas Sindur representan un foro de debate e intercambio de coñecemento entre investigadores e técnicos de institucións con interese na análise e desenvolvemento da Sociedade da Información a nivel social, económico, cultural e territorial.
Estes encontros celébranse anualmente dende o 2003 no marco do proxecto Sindur --Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano e Rexional--, financiado polo plan nacional e galego de I+D+i do Ministerio de Educación e da Xunta.