SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Mar. (EUROPA PRESS) -
O Centro Dramático Galego (CDG) abrirá o próximo venres a súa nova andaina coa estrea en Santiago dunha obra "rupturista", 'Illa Reunión' de Ana Vallés, e coa intención de achegarse a segmentos de público que até o de agora se atopan afastados da escea teatral, ó tempo que pretende "fidelizar" ós espectadores habituais.
Nunha rolda de prensa, a directora do CDG, Ánxeles Cuña, anunciou que o novo equipo de xestión do centro, que funciona dende hai tres meses e medio, ten o obxectivo de incidir na difusión social do traballo da institución que, "na anterior etapa", estaba "de costas" á realidade.
Por este motivo, o CDG elixiu unha obra "non convencional", que puxese de manifesto a "ruptura estética" con respecto ás ideas da anterior dirección, coa intención de recoller as influencias do teatro contemporáneo, "sen esquecer" as propostas "máis clásicas", que, segundo recoñeceu Cuña, teñen unha "boa aceptación".
Así, a directora do centro dramático anunciou que se fará especial fincapé na atracción do público xuvenil, mediante a estrea de obras axeitadas para o nivel dos mozos.
Na presentación de 'Illa Reunida' tamén participou o director xeral de Difusión e Creación Cultural da Xunta, Luis Bará, que afirmou que o seu departamento, do que depende o CDG, "comprométese dobremente, co público e co país", coa finalidade de facer da cultura "unha marca de identidade" de Galicia.
A OBRA, POLA AUTORA
Pola súa parte, a directora da montaxe, Ana Vallés, presentou as principais características da obra, que integra as linguaxes do teatro, da danza e da música, de xeito que os límites entres estas "non están delimitados".
Ademais, a autora salientou que a música que acompaña a 'Illa Reunión' é executada en directo por catro músicos, o que supón un "gran privilexio" e transmite "moito vitalismo".
Así, Vallés explicou que a súa obra propón unha viaxe metafórica a un "espazo utópico". "A 'Illa Reunión' que inventamos e para atoparnos con nós mesmos e cos demais", declarou Vallés, quen, neste senso, engadiu que a súa posta en escea representa unha bipolaridade entre euforia e abatimento, tinguida, "en todo caso", dun "vitalismo desesperado".