SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 May. (EUROPA PRESS) -
O voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy Fraga, reafirmouse en que "non debe haber trato discriminatorio" entre entidades financeiras "pola súa orixe" e celebrou que o PSdeG "coincida coa tese" expresada polo presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, de que Novagalicia Banco debe recibir "o mesmo trato" que outras entidades como Bankia.
En rolda de prensa, Puy sinalou que NCG xa ten unha participación maioritaria do Estado e reiterou que os populares "seguen confiando" en que se poida manter como entidade financeira "independente" xa con apoio de capital público. "E se hai que reforzalo, a nós parécenos ben a saída que se busca: unha entrada de capital privado que, de ser necesario, tamén se pode reforzar cunha entrada de capital público", defendeu.
"Se se trata de deter procesos de poxa no peor momento creo que esa é unha boa aproximación", remarcou Puy Fraga, quen insistiu en que o PPdeG mantén a súa opinión de que "non debería haber trato discriminatorio entre entidades financeiras pola súa orixe".
Sobre o feito de que NCG tería que devolver os fondos públicos, a diferencia da entidade madrileña, Puy explicou que a entidade galega, ao igual que Bankia, ten unha parte de diñeiro público que é un empréstito --o que se aprobou co FROB 1-- e unha parte que é capital pública --o FROB 2--.
Así as cousas, Puy aclarou posteriormente a Europa Press que a diferenza reside en que en Bankia se converteu o empréstito do FROB 1 en accións ordinarias. No caso da entidade galega, dito empréstito do FROB 1 ascende a 1.162 millóns de euros.
Neste escenario, o voceiro popular reafirmouse en que ambas as dúas entidades están "nas mesmas circunstancias", agás polo feito de que non hai unha terceira achega de capital decidida para Novagalicia banco.
COMPARECENCIA DE FEIJÓO
En canto á petición dos socialistas de que Núñez Feijóo compareza na Cámara para explicar a posición política do seu goberno ante "o novo escenario" que abre "o rescate de Bankia", Puy Fraga replicou que o PPdeG analizará a súa solicitude "co máximo respecto e afán construtivo".
Iso si, recordou que as comparecencias do Goberno as establece o propio Executivo porque a oposición "ten os seus mecanismos para saber cál é a opinión" dos distintos departamentos autonómicos por distintas vías como as interpretacións ou as preguntas orais.