Foto: EP/PARLAMENTO
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Feb. (EUROPA PRESS) -
O deputado lucense do PPdeG José Manuel Balseiro asegurou este mércores que "respecta" a presunción de inocencia, pero reclamou ao alcalde de Lugo, o socialista José López Orozco, que "non se escuse cunha montaña de querelas" porque os lucenses, engadiu, "queren saber que pasou".
"Chama a atención algunha cousa, cada vez implica un socialista nesta trama --a da 'Operación Campeón'--", sentenciou Balseiro, despois de que o empresario lucense Jorge Dorribo vinculase coa trama dos pagamentos ao alcalde de Lugo.
"Será a xustiza a que teña que pronunciarse, pero deixa dúbidas que sería conveniente que se puidesen aclarar. A sociedade merece coñecer se Blanco criticaba comportamentos que supostamente, puidemos ler, adoptaba", remarcou, en referencia ao exministro de Fomento, tamén acusado por Dorribo.
Aínda que sinalou que non é "a súa intención" pedir "a dimisión de ninguén", recordou que o exconselleiro de Industria Fernando Blanco e o popular Pablo Cobián renunciaron ás súas actas de deputado tras verse implicado na investigación.
PESCA
O tamén voceiro parlamentario de Pesca do PPdeG realizou estas declaracións en Lugo, onde presentou unha proposición non de lei en que se solicita á Xunta que os descartes e comisos pesqueiros sexan entregados a asociacións e organizacións de beneficencia con comedores sociais.
Así mesmo, informou do reto de que esas entregas se estendan por toda a provincia e non só na costa, para o que solicitou a colaboración da Deputación provincial no que respecta ao transporte e distribución. Non obstante, Balseiro recoñeceu que se trata dunha decisión que depende da Unión Europea.