SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Dic. (EUROPA PRESS) -
A deputada do BNG Ana Luisa Bouza reprobou ao Goberno galego por unha "continua contratación" de software privativo, o que, ao seu xuízo, implica "o incumprimento do compromiso" electoral da Xunta para coa implantación do libre.
Pola súa parte, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, negou que exista "ningún paso atrás" por parte da Xunta. Pola contra, en resposta a unha pregunta da parlamentaria nacionalista na comisión Institucional, a responsable galega defendeu a "aposta definitiva" do Executivo por implantar este tipo de aplicacións.
Así, Pereira asegurou que o seu departamento asinou convenios con compañías galegas dedicadas á creación de software libre e pretende, así mesmo, a súa introdución no ámbito educativo. En concreto, cifrou en 15.000 os alumnos galegos que terán acceso a ferramentas deste tipo durante este curso e calculou un número similar para o próximo.
Non obstante, a parlamentaria do Bloque criticou que a Xunta presente o software libre como "algo freak e propio de melenudos antisistema", cando, segundo argumentou, "non é alleo ao desenvolvemento económico" e ten "un grande vínculo" co mundo universitario, a rede de empresas TIC e a posibilidade de utilización de linguas "minoritarias" sen o custo que leva consigo a tradución.
AXUDAS AO CLÚSTER AUDIOVISUAL
Por outra parte, na mesma comisión, o deputado do Grupo Parlamentario do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, demandou do secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, as cantidades invertidas pola Xunta no apartado de axudas ao clúster audiovisual de Galicia.
Na súa quenda, Cabaleiro destacou que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) destinou 4,3 millóns de euros á liña de subvencións para a internacionalización das empresas audiovisuais. Con todo, xustificou a "diminución" das partidas destinadas a este fin en que "parte" do presuposto se dedicará ao consorcio, en lugar de ao clúster.
A maiores, o secretario xeral chamou a atención sobre a presenza de producións galegas en salas comerciais neste ano --seis estreas, en total--.
Pola súa banda, o voceiro socialista fixo alusión á "necesaria actualización" da lei galega nesta materia, ao contar 11 anos dende a súa aprobación e advertiu que a Comunidade Autónoma "non pode desperdiciar talento" neste ámbito.