Case o 55% dos fogares galegos chegan con dificultade co fin de mes e o 30% non se permite ningún extra

A confianza do consumidor empeora en máis de dez puntos e mantense en negativo

Gente, consumidores, compras
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 11 octubre 2012 14:39

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 Oct. (EUROPA PRESS) -

Case o 55% dos fogares galegos declaran chegar con dificultade ou moita dificultade co fin de mes e o 29,66% destes di que non se permitiu ningún extra nos últimos tres meses, de acordo cos resultados do terceiro trimestre da Enquisa Conxuntural a Fogares elaborada polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

En concreto, son o 12,92% das familias as que declaran que conseguen rematar o mes con moita dificultade, unha porcentaxe que case duplica ao do terceiro trimestre do ano pasado, que era do 6,92%, e supón un aumento de 1,22 puntos respecto ao trimestre anterior. Outro 41,62% dos fogares admite que chegan ao fin de mes con problemas, o que representa un descenso fronte ao 43,09% que o admitía no terceiro trimestre de 2001.

Son un 45,46% os que aseguran chegar con facilidade ou moita facilidade, o que supón unha caída de 4,53 puntos respecto a hai un ano.

A estatística mostra tamén que case o 30% dos fogares non se permitiu ningún extra nos últimos tres meses, unha porcentaxe que descendeu respecto á rexistrada hai un ano, cando declaraban cinguirse ao presuposto sen gastos adicionais o 32,49%.

Un 44,05% dos fogares admite no terceiro trimestre deste ano que cambiou os seus hábitos de compra, optando polas marcas brancas e os produtos en oferta, mentres que 46,92% indica que reduciu outros gastos comúns --roupa, calzado ou transporte--, aínda que non en alimentos.

En menor medida, as familias galegas recorreron a outras alternativas para reducir gastos ou aumentar ingresos, como que algún dos membros se poña a traballar ou aumente a súa xornada (un 6,45%); recibir axuda económica de familiares ou amizades (8,43%) ou tomar medidas financeiras (4,61%).

ATRASOS EN RECIBOS

O 5,49% dos fogares sinalaron que se atrasaron no pagamento dalgún recibo de obrigado cumprimento nos últimos tres meses.

Ademais, so o 14,8 se permitiu ir de vacacións ou estanzas de ocio; o 21,88% fixo algunha compra extra en vestido ou calzado; o 25,09% fixo algunha compra extraordinaria en alimentación; o 29,55% logrou aforrar algo de diñeiro e o 18,54% declarou ser capaz de facer fronte a imprevistos ou grandes compras.

Entre os gastos que máis manteñen os fogares galegos está saír a cear, a cafetarías, ir ao cinema ou ao teatro, posto que o 59,31% dos fogares se permitiu alguna destas actividades no terceiro trimestre do ano.

CONFIANZA DO CONSUMIDOR

O instituto estatístico publica, ademais, datos do Índice de Confianza do Consumidor, que caeu 9,9 puntos respecto ao segundo trimestre do ano e 20,82 puntos en relación a hai un ano. Sitúase, de xullo a setembro, en 40,83 puntos negativos.

As perspectivas de evolución da situación financeira persoal tamén se mantén en negativo (-23 puntos) e empeoran respecto ao trimestre anterior case seis puntos. A visión sobre a capacidade futura de aforro tamén baixa 1,2 puntos e sitúase nos 31,24 en negativo.

En canto á situación da economía galega, as perspectivas dos fogares son, así mesmo, negativas e o indicador amosa unha caída de 15,23 puntos respecto ao segundo trimestre do ano, ata os -51,17. Sobre o desemprego, a visión tamén é pesimista e o indicador sitúase en 57,92 puntos negativos, 11,72 menos que hai tres meses e 31,15 por debaixo do marcador de hai un ano.

Contenido patrocinado