VILAGARCÍA DE AROUSA, 8 Feb. (EUROPA PRESS) -
O centro de día público para persoas maiores de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) poderá acoller aos seus primeiros usuarios o próximo mes de marzo, segundo confirmou este mércores a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, que visitou as dependencias do centro situadas na urbanización do Bosque dos Desamparados.
Durante a visita, a conselleira confirmou que nun prazo de quince días se comezarán a tramitar as solicitudes de ingreso, o que permitirá que durante o mes de marzo o centro acolla aos seus primeiros residentes.
O centro vilagarciano ten unha capacidade de vinte prazas, o que supón que "son xa 775 as prazas en centros de día postas a funcionar" en Galicia na presente lexislatura, recordou Beatriz Mato.
As expectativas do goberno autonómico son de finalizar o ano 2013 con 2.400 prazas públicas en centros de día para persoas maiores, o que significaría un incremento dun 157 por cento respecto ás existentes catro anos antes.
ESCOLA INFANTIL
Na reunión que este mércores mantivo co alcalde da cidade, Tomás Fole, a conselleira de Traballo informou o rexedor que esta urbe xa está incluída na planificación do Plan Educa, "o que significa que nos próximos anos o municipio contará con outra escola infantil", que se sumará á xa existente.
As previsións da Xunta, adiantou Beatriz Mato, son de que nos dous próximos anos se poidan iniciar as obras de nova escola, "sempre e cando o concello nos diga onde e como se realiza realiza o proxecto".
Finalmente, a titular de Traballo ratificou que a axente dinamizadora de emprego que a Xunta mantén no Concello de Vilagarcía "seguirá desempeñando o seu labor".