A CIG convoca unha folga xeral a última semana de marzo ante recortes "profundos"

Contactará co resto de sindicatos para "ver se están dispostos" a sumarse a unha mobilización contra "a apatía e o temor"

La CIG Convoca Una Huelga General En Marzo
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 7 febrero 2012 15:34

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Feb. (EUROPA PRESS) -

O sindicato nacionalista CIG convocou unha folga xeral para a última semana do mes de marzo ante os recortes "profundos" que suporá a reforma laboral que aprobe o Goberno de Mariano Rajoy, polos recortes "moi serios" que prevé que inclúan os próximos Presupostos Xerais do Estado e porque, censura, a crise a "están a pagar os de sempre".

A data exacta da folga xeral está por determinar, á espera dos contactos que CIG manterá con outras forzas sindicais, como CC.OO. e UGT, ás que chamou a sumarse a esta convocatoria de paro. Así mesmo, trasladará o acordo a centrais de carácter nacionalista doutras comunidades e a outras organizacións sindicais e de corte social.

"É nosa obriga porque non se pode esixir a todos o mesmo sacrificio", proclamou o secretario xeral de CIG, Suso Seixo, quen se queixou de que "todos os sacrificios están a recaer na clase traballadora" e non así sobre a "gran banca", "oligarquías financeiras" e grupos "minoritarios" aos que --dixo-- si favorecen as políticas que se adoptan tanto no ámbito europeo coma no estatal.

A convocatoria de folga xeral para a última semana de marzo foi decidida por aclamación, con sete abstencións, pola Conferencia Sindical Nacional da CIG, un órgano deliberativo e decisorio que reúne de forma extraordinaria unhas 350 persoas --membros, á súa vez, dos órganos de dirección do sindicato--.

POLÍTICAS "PROFUNDAMENTE INXUSTAS"

Nunha rolda de prensa celebrada unha vez que se aprobou a convocatoria de folga xeral, Suso Seixo explicou aos xornalistas a "valoración moi crítica" que realizaron os participantes na conferencia, que continúa durante a tarde deste martes no Pazo de Congresos.

Así, denunciou que as medidas polas que están a optar os gobernos comunitarios e, en concreto, o español, para facer fronte á crise son "profundamente inxustos e equivocados". "Inxustas", dixo, posto que as "están a marcar" os grandes bancos e perseguen favorecer "os intereses dos mercadores" e "equivocadas" porque "non están a servir para reactivar a economía".

A xeración de emprego "non se vai conseguir" con "políticas ao servizo das oligarquías", incidiu Seixo, quen, ao contrario, advirte consecuencias da "filosofía do PP da austeridade" e o cumprimento do déficit como unha maior perda de postos de traballo, "máis precariedade, máis pobreza e máis exclusión social".

A CIG considera que "si se pode facer outro tipo de políticas" fronte a un "modelo neoliberal fracasado" que "enriquece" a un grupo "minoritario" de persoas e prexudica á clase traballadora, "que non provocou" esta situación. E para reivindicar as "alternativas" que formula a central ao sistema capitalista "hai que dar a batalla", subliñou Suso Seixo.

"MOI CRÍTICOS" CON CC.OO. E UGT

Os 350 participantes na Conferencia Sindical mostráronse "tamén moi críticos" respecto do sindicalismo estatal. A CC.OO. e UGT repróchanlle a busca do pacto social "como un fin en si mesmo" cando, en opinión de Seixo, os acordos que están a aprobar coa patronal "prexudican e desmolibizan" á clase traballadora.

Para loitar contra esta "frustración", contra "a apatía" e o "temor" a quedar sen traballo, a CIG chama a participar na folga xeneral, toda vez que a inminente reforma laboral e as novas contas do Estado suporán "recortes profundos, moi serios", para lograr o obxectivo de reducir en 40.000 millóns de euros o déficit do Estado.

Seixo considera, deste modo, que a data "de referencia" elixida pola Conferencia Sindical da CIG é a "adecuada", na última semana de marzo, pero non está fixada nun día en concreto posto que a central aspira a "debater" o día co resto de sindicatos. Con todo, o secretario xeral aludiu ao 26 e ao 27 de marzo --luns e martes-- como posibles días para a cita.

Contenido patrocinado