A CIG denuncia que Seaga forma persoal con "charlas de 5 minutos" tras un requirimento de Inspección de Traballo

Advirte que hai brigadas incompletas por falta de fondos e ve "desafortunado" que Feijóo considere óptima unha campaña con dúas mortes

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 25 agosto 2010 17:55

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Ago. (EUROPA PRESS) -

Os representantes de CIG no comité de empresa de Seaga denunciaron hoxe que os brigadistas están a recibir "no medio da campaña" formación "cun folleto de catro ou cinco páxinas e unha charla de cinco minutos", tras un requirimento da Inspección de Traballo.

En rolda de prensa, o delegado de Prevención na provincia de A Coruña, Juan Carlos Castro, explicou que o pasado 17 de agosto a empresa foi citada pola Inspección do Traballo para informar sobre o accidente no que faleceron dous brigadistas en Fornelos de Montes (Pontevedra), como é "preceptivo legalmente". "Quedou claramente acreditado que a empresa non está, nin moito menos, ao día nas súas obrigas en materia de prevención, seguridade e formación", afirmou, para explicar que, por este motivo, a autoridade fixo un requirimento a Seaga para que forme nunha semana aos seus 2.400 traballadores.

"Isto demostra que a empresa nin sequera preparou aos traballadores para situacións de risco que se producen nos lumes", criticou e indicou que Seaga está a repartir unha folla informativa e dando charlas de cinco minutos para previr situacións como a que se produciu en Fornelos. "Consideramos que no medio da campaña non é normal, como non é normal que non se cumpran as normas mínimas de prevención nin os equipos de protección cumpran cos mínimos requisitos esixibles," censurou.

Neste sentido, apuntou que aos traballadores se lles entregan fundas ignífugas usadas e que os brigadistas lavan nas súas casas, malia que "perden as súas características" a partir de certo número de lavados. Con este sistema, advertiu, a contabilidade sobre o número de lavados está "fóra de todo control e garantía por parte da empresa". Ademais, algunhas as máscaras que se entregan non protexen contra o monóxido de carbono, que é un dos gases aos que se expoñen nun incendio.

Así, os representantes dos traballadores en Seaga denunciaron que os brigadistas non recibiron formación para enfrontarse a situacións de máximo risco, como verse rodeados polas lapas, e non contan cos medios axeitados para situacións "extremas", como mantas ignífugas ou un equipo de respiración asistida de emerxencia. "Os accidentes no noso traballo poden acontecer, pero se un traballador acode preparado co equipo axeitado ten moitas máis posibilidades de non ter accidentes ou saír deles pouco damnificado", manifestou.

A maiores, Castro sinalou que o documento de planificación para este ano ten data de 2008, "sen que conste a súa revisión", e alertou de que aínda hai brigadas "incompletas". Neste sentido, sinalou que o recorte de fondos "fixo que o servizo non estivese preparado ao cen por cen en xullo", en contra do que acontecía outros anos.

"NON SE DI O NÚMERO DE HECTÁREAS"

Os representantes dos traballadores denunciaron tamén que é "flagrante" a cantidade de hectáreas "que se están a tapar" na información que ofrece a administración galega sobre incendios e afirmaron que "non se está a dicir" o número de incendios nin a superficie afectada.

O secretario nacional de CIG-Servizos, Paulo Rubido, pola súa banda, censurou que a Xunta combina a intención de "aforrar" e a "concepción 'tatcheriana' de que o traballador indefinido é un parasito" nos servizos de loita contra incendios. Por iso, reclamou que se organice un servizo con traballadores fixos-discontinuos e censurou que o Goberno galego non escolla as persoas con máis experiencia en extinción de incendios.

"Hai un problema de fondo, que empezaron o PSdeG e o BNG e continuou o PP, e é que todo o que apaga lumes ten que ser eventual", dixo Rubido, que sinalou que a pregunta que debe facerse a administración é se quere un servizo "profesional".

O representante da CIG propuxo que os traballadores de Seaga traballen na limpeza dos montes durante o inverno e na extinción de lumes durante o verán, que eran as funcións que, nun principio, se lles atribuían. Deste modo, argumentou, lógrase que os brigadistas adquiran experiencia e teñan un "coñecemento amplo" do terreo.

DECLARACIÓNS "DESAFORTUNADAS" DE FEIJÓO

Os representantes dos traballadores de Seaga rexeitaron facer balance da campaña porque "aínda queda máis dun mes" e "non é o momento". Así mesmo, Castro cualificou de "desafortunado" que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, considerara que a campaña está a ser óptima "cando morreron dous compañeiros".

No mesmo sentido pronunciouse Rubido, que tachou a afirmación de Feijóo de "extraordinariamente desacertada" e pediu, ademais, que se eviten os "rumores", en especial nos medios de comunicación, acerca de o sucedido en Fornelos de Montes. Neste sentido, o presidente do comité de empresa de Seaga en Pontevedra, Basilio Fernández, pediu "prudencia" e que espere aos resultados da investigación xudicial e a que as responsabilidades se determinen por esta vía.

"As persoas implicadas aínda están a declarar e, polo tanto, calquera especulación que apunte a responsabilidades de alguén que actuou no lume, de momento, é falsa", afirmou Fernández, quen agregou que estas hipóteses "en nada contribúen a aclarar os feitos e só serven para crear máis intranquilidade en quen sofre a perda dun ser querido".

Contenido patrocinado