SANTIAGO DE COMPOSTELA 11 Nov. (EUROPA PRESS) -
O fiscal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) denunciou ao propietario dunha vivenda do casco histórico do municipio de Betanzos (A Coruña) que derrubou a fachada do inmoble malia estar declarado ben de interese cultural e contar co preceptivo réxime de protección.
O fiscal atribúelle ao titular do inmoble número 5 da Rúa da Cerca de Betanzos un delito contra o artigo 323 do Código Penal, que estipula penas de prisión dun a tres anos e multas de 12 a 24 meses para as persoas que causen danos sobre bens de valor histórico, artístico ou monumental.
O referido inmoble fora declarado como ben de interese cultural no Plan de Protección e Ordenación do Casco Histórico de Betanzos no ano 1992, de forma que só se permitía na vivenda obras de rehabilitación.
Malia que o Concello de Betanzos recordou sucesivamente esta condición ao propietario do inmoble e mesmo puxo en marcha dous expedientes de reposición debido ao abandono do edificio e a súa posible caída, a principios de outubro deste ano foi demolida a fachada do inmoble.
O fiscal do Alto tribunal galego indica que o propietario do inmoble realizou a demolición "sen ningún tipo de licenza", polo que foi denunciado ante o Xulgado de Betanzos, ao cal remitiu toda a documentación que lle serviu como soporte para as súas investigacións.