VIGO 1 Jul. (EUROPA PRESS) -
A secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, acudiu hoxe aos xulgados de Vigo para participar nun acto de conciliación a raíz da demanda interposta a esta organización pola presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago, por un presunto delito contra o seu honra --e polo que reclama unha indemnización de 30.000 euros--, e criticou que esta demanda o que persegue é "criminalizar a defensa da lingua galega".
O conflito vén a raíz da repartición, ás portas do instituto onde Lago é profesora, dun boletín no que, "facéndose eco das queixas expresadas polos membros da comunidade educativa, se criticaba a actitude hostil de Lago co galego" no seu labor docente, explicou hoxe Aboi nos xulgados, aos que acudiron varias decenas de persoas para mostrarlle o seu apoio nunha concentración presidida por unha pancarta de Galiza Nova onde podía lerse o lema 'Pola liberdade de expresión, polo dereito a falarmos en galego'.
A responsable da organización nacionalista sinalou que non houbo conciliación posto que cada parte se reafirmou na súa versión. Tamén criticou que Lago non acudise ao acto, senón que "mandou ao procurador e ao avogado".
"Agora vai depender de Gloria Lago que haxa xuízo ou non. Se quere xuízo haberá xuízo", destacou, para destacar que Galiza Nova "non ten medo" porque ten "a razón do seu lado". "Seguiremos exercendo a nosa liberdade de expresión", afirmou, manifestando ademais a súa "discrepancia" sobre as ideas que Gloria Lago ten sobre asuntos lingüísticos.
"DISCRIMINACIÓN"
Por último, Aboi denunciou a "discriminación" do galego na Xustiza posto que hoxe non se lle puido facilitar a copia de acta neste idioma --si poderían obtela en castelán--, polo que terá que esperar a que o documento lle chegue por correo.
Mentres se celebraba en acto de conciliación, unhas 50 persoas permaneceron concentradas nas inmediacións dos xulgados de Vigo en apoio a Galiza Nova. Entre os asistentes estaban o voceiro de Queremos Galego, Fran Rei; o presidente de A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, e os deputados autonómicos do BNG Henrique Viéitez e Bieito Lobeira.