O humor de Manuel Manquiña e Luis Zahera inaugura a programación de setembro do Teatro Colón de A Coruña

Manuel Manquiña
EP
Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 31 agosto 2010 21:00

SANTIAGO DE COMPOSTELA 31 Ago. (EUROPA PRESS) -

Os humoristas galegos Luis Zahera e Manuel Manquiña serán os encargados de inaugurar o próximo día 10 a programación de setembro do Teatro Colón Caixa Galicia, co seu espectáculo cómico 'Noites de Retranca.

Así mesmo, a oferta cultural continuará o 11 de setembro coa comedia 'Brujas', unha obra de teatro creada por Santiago Moncada e baixo a dirección do actor Manuel Galiana, que reúne no escenario a Lara Dibildos, Juncal Rivero, Arantxa del Sol, Carla Duval e Cristina Goyanes.

O grupo de folk galego Marful presentará o seu novo disco, 'Manual de sedución', o xoves 16 de setembro, o que dará paso a outra comedia de gran éxito en toda España, 'Karaoke', que interpretarán no Colón o venres 17 de setembro Juanjo Artero, Neus Asensi, Elisa Matilla e Ángel Pardo.

Así mesmo, o 18 de setembro, Daniela Dessì, considerada a mellor soprano lírica na actualidade, debutará en Galicia no escenario do Teatro Colón dentro do ciclo de 'Grandes Voces' do Xacobeo Classics, en colaboración co 58 Festival de Ópera de A Coruña.

A soprano interpretará algunhas das máis coñecidas arias de óperas, que conforman o seu repertorio habitual, como 'Tosca', 'Aida', 'Madama Butterfly' e 'Turandot'. Dessì actuará acompañada da Oviedo Filarmonía, que tamén se presentará por primeira vez na comunidade baixo a batuta do director Friedrich Haider.

PÚBLICO INFANTIL

Por outra banda, a oferta cultural do Colón Caixa Galicia tamén contará cunha programación dedicada ao público infantil. Así, os días 25 e 26 de setembro o escenario coruñés acollerá a ópera para nenos 'Livietta e tracolo', de Giovanni B. Pergolesi.

Finalmente, a programación de setembro finalizará o día 30 coa obra de teatro galega 'Historias peregrinas', da compañía Teatro do Noroeste. A montaxe conta a historia dun grupo de cómicos que percorre o camiño de Santiago representando danzas da morte e, ás veces, algún auto sacramental e, a causa dunha edición defectuosa do Códice Calixtino, que lles serve como guía, pérdense nun bosque preto de Compostela.

Contenido patrocinado