O Igape anuncia para marzo a presentación da "redefinición" do Plan Ferrol, adaptado "á nova situación"

A Xunta outorgou 2,5 millóns para 156 proxectos do Plan Revive de A Costa da Morte, un 10% do obxectivo

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 22 febrero 2012 16:26

SANTIAGO DE COMPOSTElLA 22 (EUROPA PRESS)

O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Javier Aguilera, anunciou que o próximo mes de marzo será a data de presentación da "redefinición" do Plan Ferrol, na que traballa a oficina xestora do organismo coa Asociación Impulsora do Plan Ferrol -- conformada por empresarios e sindicatos, a excepción da central nacionalista CIG--.

Preguntado polas "liñas mestras" que marcarán os "novos obxectivos" do plan polo deputado do BNG Fernando Branco Parga, na comisión de economía e facenda do Parlamento, o responsable do Igape limitouse ha explicar que se traballa na "redefinición dos grupos ou iniciativas clave" pero si subliñou que a defensa do naval e da industria auxiliar deste sector é "fundamental".

Fíxoo ante as críticas do parlamentario do Bloque á "ampla gama" de nomes que recibiu este plan, que suma agora un novo cambio sinalado polo conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, en decembro do pasado ano.

Ferrol estase a "converter nun grande xeriátrico", advertiu Branco Parga, ao denunciar que o apoio de Administración a bisbarra se move por "decenios" en termos temporais.

Javier Aguilera destacou que a Xunta e, en concreto, o Igape "quere que se incremente o esforzo na captación e apoio aos proxectos xeradores de emprego para alcanzar a diversificación" de Ferrolterra.

"A FORMA DE SUMAR" DO PP

Ao respecto , e tras o cuestionamiento do autor da pregunta, o alto cargo reivindicou que o Plan Ferrol está "plenamente operativo" e indicou que o último convenio coa asociación impulsora se asinou en xullo de 2011.

"Ata o momento e dende 2009 concedéronse máis de 280 millóns de euros en axudas ao desenvolvemento industrial, financiados tanto polo Igape coma polo Ministerio, apuntou. Segundo os seus números, a inversión mobilizada supera os 570 millóns e o impacto no emprego tradúcese na creación e mantemento de máis de 1.100 postos de traballo".

Ao fío destas cifras, Fernando Branco Parga criticou que "coa forma de sumar" que teñen os actuais dirixentes autonómicos "todo dá". "Pero nunca restan o que vai pechando ou xa pechou", evidenciou, tras aludir ás tres plantas de biodiesel construídas na zona e nas cales, dixo, hai "catro traballadores" --nunha--, "nove meses de ERE" --noutra-- e a última "nunca produciu un litro de biodiesel".

En canto ao sector naval, o deputado do BNG reprobou os populares que votasen en contra dunha proposta relativa ao 'tax lease' o martes no Congreso. Aguilera replicou que se Navantia "non ten carga de traballo non é por culpa do Goberno galego" e alegou que "pouco se pode facer máis que mirar ao futuro".

PLAN REVIVE

Así as cousas, o director xeral do Igape resaltou que o ámbito económico "é moi difícil", mesmo argumento que utilizou para dar resposta a unha pregunta oral do parlamentario do PSdeG José Luis Méndez Romeu, que pediu coñecer os datos relativos á concesión de axudas do denominado Plan Revive para A Costa da Morte.

Segundo revelou Javier Aguilera, o pasado ano o Igape outorgou 2,5 millóns de euros para un total de 156 proxectos, cunha inversión apoiada de 9 millóns de euros. Un total de 152 solicitudes foron denegadas "por non cumprir os requisitos".

O deputado socialista subliñou que "o nivel de éxito" do plan é, en consecuencia, "do 10 por cento", cunha media de subvención por compañía de 20.000 euros, pois o anunciado con "grandilocuencia" foron 15 liñas de axudas por valor de 25 millóns e a mobilización de ata 70 millóns.

En efecto, o director xeral recoñeceu "non poder estar satisfeito" co balance e expresou a "frustración" do instituto xa que lle gustaría que a repercusión do plan, aínda "vixente", fose "maior".

Contenido patrocinado