SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 May. (EUROPA PRESS) -
A 'Plataforma en defensa das Fragas do Eume' estuda comparecer na causa aberta polo incendio forestal que a finais do pasado marzo queimou 750 hectáreas do bosque atlántico máis importante de Europa. Con iso pretende evitar o seu arquivo por parte do xuíz, toda vez que transcendeu que o informe do Seprona apunta a que o lume foi fortuíto.
"É interesante porque sería a primeira vez que unha acusación popular, entre comiñas, obriga á Fiscalía a facer as investigacións", destacou Miguel Anxo Abraira Sobrado, un dos impulsores da plataforma, en declaracións a Europa Press.
O colectivo prevé celebrar unha asemblea o mércores ou o xoves desta semana para decidir se comparecer ou, non algo que depende dunha cuestión económica, pois, para iso, calcula Abraira, necesitan uns 4.000 euros --1.200 de arranque, "máis o que veña despois"--.
En calquera caso, a súa intención é acudir cun avogado ao xulgado de Ferrol que instrúe o caso e comparecer como acusación particular, co que a plataforma podería solicitar novas peritaxes. Neste sentido, Miguel Anxo Abraira asegura que existen testemuñas "de que houbo tres focos" no inicio do lume, como sostivo dende un primeiro momento a Consellería de Medio Rural e do Mar.
"BUSCAR A INTENCIONALIDADE"
A plataforma teme que o novo informe do Seprona --que descoñece e ao que tería acceso se fose parte do proceso xudicial-- desemboque no arquivo da causa.
"Outro incendio máis provocado por unha cabicha... Deben de andar todos os gardas do país tirando cabichas...", ironiza Miguel Anxo Abraira. Ao seu xuízo, "chama a atención", pois "unha cousa é" que os investigadores "digan que non existen probas que poidan certificar a intencionalidade do incendio e outra, que certifiquen que non houbo intencionalidade".
"Se foi fortuíto, terán que ter probas para acreditalo", subliña, antes de admitir que "habería que coñecer o informe" para avaliar "como está feito, con qué rigor científico".
Con todo, incide, "sorprende que todos os incendios neste país sexan de persoas que se delatan --por escapes de queimas-- ou fortuítos". "Haberá que buscar a intencionalidade. Se Fiscalía quere facer unha investigación ten que buscar a intencionalidade", remarca.
E, neste extremo, sinala que "unha --motivación-- pode ser económica". "¿A quen benefician estes continuos incendios? Chama a atención tamén que haxa unha asociación de papel disposta a pedir uns permisos a veciños e sulfatar con pesticida prohibido eucaliptos que non son seus... algo que é carísimo. Parece ser que hai xente moi interesada en que os eucaliptos saian adiante", advirte.
"PARECER SER QUE XA NON É PROVOCADO"
Pola súa banda, o alcalde do municipio no que se orixinaron as lapas, A Capela, Manuel Meizoso (PSdeG), considera "estraña" a "présa" con que a Xunta "dixo que era provocado" se agora o informe do Seprona atribúe o lume a unha causa fortuíta.
"Primeiro era provocado e agora parece ser que xa non", comenta en declaracións a Europa Press, aínda que asegura descoñecer o documento. Por último, o rexedor evita valorar os labores de rexeneración da Administración autonómica na zona, xa que "de momento non empezou nada" e "oficialmente" tampouco ten constancia --nin el nin os propietarios-- das previsións dunha talla de eucaliptos no concello.