O PSdeG propón crear circunscricións electorais no exterior para que os emigrantes non teñan que pregar o voto

MARISOL
Foto: EUROPA PRESS/REMITIDO

Alega que o actual sistema "non solucionou" as dúbidas sobre o voto CERA e "só obstaculiza" un dereito, como xa admitiron no PSOE

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Feb. (EUROPA PRESS) -

   A voceiro de Emigración do Grupo Parlamentario Socialista, Marisol Soneira, propuxo este mércores modificar de novo a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeneral (Loreg) para incluír a creación de circunscricións electorais no exterior e eliminar así "obstáculos", como o sistema de voto pregado, para que os emigrantes poidan participar nos comicios "con garantías" e nas mesmas condicións que os residentes en España.

   En rolda de prensa, a deputada do PSdeG explicou que a súa proposta se dirixe ao Goberno galego, co fin de que este pida ao estatal que promova o cambio lexislativo, xa que Galicia ten "o maior colectivo" de emigrantes do país.

   "Queremos que a Xunta, por primeira vez, se molle", demandou, citando estudios que apuntan que a poboación española no exterior --entre descendentes e nacionalizados ao amparo da Lei de Memoria Histórica-- alcanza o millón de persoas e que máis de 380.000 son galegos.

   En canto ao cambio normativo, a socialista xustificouno nos datos dos emigrantes que participaron nas últimas eleccións xerais, posto que, con respecto á anterior convocatoria, a porcentaxe descendeu en case 27 puntos.

   Así, sinalou que das máis de 378.000 papeletas escrutadas en 2008 se pasou a 73.000 o pasado 20 de novembro, malia que case 140.000 persoas pregaran o voto.

   Ao seu xuízo, este sistema fai "case imposible" emitir o sufraxio, debido á grande cantidade de papelame que require, e provoca malestar entre a poboación española na diáspora, que "se nega a pregar un dereito constitucional".

   Ao respecto, recordou que xa se presentaron recursos de inconstitucionalidade contra a reforma da Loreg aprobada por PP, PSOE, PNV e CiU a pasada lexislatura, entre eles, un do Goberno canario.

"CONSTATACIÓN DUN ERRO"

   Ao fío diso, apuntou que os socialistas galegos "sempre" defenderon que esta modificación "atentaba gravemente contra os dereitos políticos dos cidadáns españois no exterior" e que "se"ía converter nun obstáculo insalvable para a súa participación" nos procesos electorais.

   Agora, ante a "constatación dun erro" que, segundo dixo, xa admitiron varios dos seus compañeiros de filas á vista das emendas que levou ao congreso federal do PSOE, Marisol Soneira pediu que Galicia "lidere" o necesario cambio normativo que tamén defenden "algúns membros do PP".

   Entre os nomes que citou están o do expresidente Zapatero, o de Carme Chacón, o do actual secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, e o do actual director xeral de Migracións do Goberno, Aurelio Miras Portugal.

   "Hai que recoñecer que se cometeu un erro, que se fixo un cálculo erróneo, e cambiar a lei antes de que sexa obrigado por unha sentenza xudicial", incidiu, apelando a "un novo consenso" para "facilitar o exercicio dun dereito constitucional" aos emigrantes.

É "MENTIRA" QUE SE VOTE "EN URNA"

   Ademais, negou que a reforma na actualidade vixente servira para mellorar a seguridade dos votos dos residentes no exterior, toda vez que "é mentira" que agora depositen os seus votos nunha urna.

   "Pódese votar no consultado, como se puido sempre, pero non en urna", ha aseverado, para rexeitar tamén que o sistema de voto pregado impida a suplantación da personalidade. "Non solucionou nada", recalcou.

   En todo caso, tal e como subliñou, non se trata dun "problema de procedemento, senón de dereitos", de modo que pediu "establecer garantías" pero "non suprimir" eses dereitos."Se tes un tumor na cabeza, a solución non é cortar polo colo", comparou Soneira.

CONSTITUCIÓN DE CIRCUNSCRICIÓNS

   Á vista desta situación, que ilustrou tamén co dato de que só 27 canarios en Venezuela, dunha poboación total de 20.000, participaron nas últimas eleccións autonómicas, a deputada do PSdeG insistiu en que "algo falla".

   Por iso, formulou manter a imposibilidade de que os residentes ausentes voten en eleccións municipais, máis ligadas á residencia, e crear circunscricións exteriores para os comicios autonómicos e estatais, xa que os gobernos destes ámbitos teñen competencia sobre cuestións que lles atinxen.

   Seguindo o exemplo de países como Italia e Francia, que xa teñen circunscricións exteriores para os seus emigrantes, defendeu que os españois na diáspora terían deste modo "voz propia" nas Cortes Xerais para expoñer "as súas especificidades".

   En canto ao sistema para a votación, explicou que os sufraxios poderían depositarse en embaixadas, consulados e casas de España ou das distintas comunidades, en presenza de persoas encargadas da custodia das urnas, como acontece dentro do país, e de apoderados e interventores dos partidos.

CIRCUNSCRICIÓNS EN SURAMÉRICA E EUROPA

   Preguntada sobre onde se poderían establecer, xulgou "de sentido común" que América do Sur e Europa se recoñezan como circunscricións propias, pero aprazou ese debate ata o acordo sobre a reforma.

   Ademais, indicou que "hai quen defende que só teñan representación no Senado", polo seu compoñente territorial, e "quen di que teñen que estar nas dúas cámaras".

A EMIGRACIÓN, UN "POTENCIAL"

    O que si reivindicou é que a maioría dos que obtiveron a nacionalidade española en virtude da Lei de Memoria Histórica son "xente moi preparada, vinculada a Galicia" e con "importantes cargos" tanto nas administracións coma na empresa privada.

   "É un potencial tremendo que non podemos excluír da toma de decisións dun país de futuro", argumentou, citando entre os galegos no exterior ao ministro de Economía de Uruguai e ao expresidente deste país Tabaré Vázquez, descendente de galegos.

   O final da súa comparecencia ante os medios dedicouno Soneira a "unha maldade", ao criticar que "en toda a lexislatura pasada non se logrou un consenso nun tema tan serio como a crise económica, pero si á hora de recortar dereitos aos cidadáns españois no exterior".

El vídeo comenzará después de 21 segundos de publicidad.
Portal Turismo
 
la actualidad más visitada en www.europapress.es
El CICR confirma que las FARC liberarán al periodista galo el miércoles Nuevo disco de Bon Jovi a principios de 2013 Hesjedal remonta a 'Purito' y gana el Giro

www.europapress.es es el portal de actualidad y noticias de la Agencia Europa Press. Publicación digital auditada por OJD.
© 2012 Europa Press. Está expresamente prohibida la redistribución y la redifusión de todo o parte de los contenidos de esta web sin su previo y expreso consentimiento.