Rueda defende o modelo territorial de Galicia no marco autonómico e censura as críticas ao Tribunal Constitucional

O ministro de Fomento subliña a contribución da Carta Magna á "redución" das desigualdades

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 4 diciembre 2009 21:59

A CORUÑA, 4 Dic. (EUROPA PRESS) -

O conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, defendeu hoxe o modelo territorial de Galicia como unha "fórmula de equilibrio" no actual marco autonómico e censurou as críticas ao Tribunal Constitucional, durante a súa intervención no acto de conmemoración do 31 aniversario da Constitución española. Pola súa banda, o ministro de Fomento, José Blanco, subliñou a contribución da Carta Magna á "redución" das desigualdades territoriais.

No acto celebrado hoxe na Delegación do Goberno en Galicia, coa presenza, entre outros dos ministros de Justicia, Francisco Caamaño; de Medio Ambiente e Medio Rural e Marino, Elena Espinosa; e de Fomento; Rueda cualificou de "preocupante" a polémica en torno ao "proxecto" de España e reivindicou o modelo territorial de Galicia como unha fórmula "que pode servir para a estabilización do marco autonómico", indicou.

Así, defendeu o "proxecto común que é España", pero sen renunciar "ao que de Xustiza nos corresponde", asegurou en referencia ás demandas de Galicia. Rueda afirmou tamén que os "feitos diferenciais" da Comunidade Autónoma galega non supoñen "distanciarse dos demais",

"A nosa identidade ten perfecta acollida no marco constitucional e seguro que tamén para as identidades de todas as comunidades autónomas", apuntou.

O conselleiro de Presidencia, que avogou por que o espírito da Constitución "se proxecte sobre as linguas", que cualificou de "esenciais" para a identidade das autonomías, censurou tamén as críticas ao Tribunal Constitucional. Ao respecto, sostivo que "cuestionalo nin é responsable, nin xusto porque é unha organización fundamental no Estado das autonomías", afirmou ao cualificar o Tribunal Constitucional de "decisivo" no seu desenvolvemento.

CONTRIBUCIÓN AO AUTOGOBERNO

Pola súa banda, o ministro de Fomento cualificou a Constitución española como "a declaración real do final da Guerra Civil" e destacou que serviu "para articular e facer funcionar un Estado moderno, democrático e descentralizado".

Na súa intervención, asegurou que unha das "consecuencias máis importantes" do modelo constitucional sobre a realidade española "é a extraordinaria redución das desigualdades territoriais" e apuntou tamén que o autogoberno "non foi tan só unha vía de recoñecemento da súa identidade propia para moitas comunidades autónomas, senón tamén a máis poderosa panca de progreso".

Por outra banda, destacou que un dos seus principais "valores" da Constitución de 1978 foi o consenso. "Ninguén quixo impoñer as súas ideas ou a súa visión de España, fixémola xuntos", remarcou o ministro de Fomento.

O acto contou coa presenza de numerosas autoridades, entre eles varios conselleiros, e a presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo, así como representantes do ámbito político, social e económico.

No seu discurso, o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, asegurou que a Constitución debe servir para dar resposta a un "dobre reto": a loita contra as consecuencias económicas e sociais derivadas da crise e asegurar a recuperación económica.

Contenido patrocinado