Táboas di que "o futuro é o futuro e o tempo porá todo no seu sitio", pero recorda que agora está "no BNG"

Foto Renun
Foto: EUROPA PRESS/REMITIDO

Inician os trámites para que Carme Da Silva asuma a súa acta na Cámara o próximo pleno en substitución á exconselleira de Vivenda

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 Feb. (EUROPA PRESS) -

   A exconselleira de Vivenda e deputada do BNG, Teresa Táboas, compareceu ante a Mesa da Cámara para dar trámite á renuncia do escano que obtivo nas eleccións de 2009 como cabeza de lista da formación nacionalista por Pontevedra. "O futuro é o futuro, e o tempo porá todo no seu sitio, pero eu estou no BNG", manifestou en declaracións aos medios nos corredores do Parlamento antes de completar o trámite, ao ser preguntada se seguirá na fronte nacionalista.

   Táboas, que deu "grazas" ao seu grupo parlamentario, aos deputados da súa formación, traballadores, medios de comunicación, e compañeiros do PPdeG e do PSdeG, subliñou que na decisión de deixar a Cámara autonómica "se mesturan temas persoais" cunha cuestión de "coherencia política e por honestidade".

   "Ten que seguir unha persoa máis identificada na liña aprobada na XIII Asemblea, pero nada máis", remarcou a que foi coordinadora executiva do BNG tras o conclave extraordinario celebrado despois das autonómicas de 2009.

   Sobre o seu futuro, indicou que nel "descansan" os seus "soños". "Podes prevelos, pero non sabes o que vai pasar, en principio, isto é unha decisión, pero non sei que vai pasar no futuro", manifestou.

   En todo caso, asegurou que estará "atenta" co que "poida pasar no país". "Dende o ámbito que sexa, pódese facer política, e pódese facer país dende distintos parámetros: os traballadores, os comerciantes, os pequenos e grandes empresarios", reflexionou.

   Así as cousas, a Mesa do Parlamento realizou este xoves unha convocatoria de urxencia para dar trámite á renuncia de Táboas, que será substituída pola exdeputada Carme Da Silva, actualmente concelleira en Pontevedra, que ocupaba o posto número cinco da lista por Pontevedra. O BNG xa iniciou os trámites para que poida prometer ou xurar o seu cargo no pleno da próxima semana.

   Da Silva, que xa foi parlamentaria na Cámara autonómica na pasada lexislatura, é membro da UPG, o que deixaría o grupo parlamentario con catro membros vinculados á forza hegémonica do BNG, por catro de Máis Galiza, e coa portavocía parlamentaria tamén en man dun membro dese partido despois da renuncia de Carlos Aymerich.

   O órgano reitor do Parlamento reuniuse coa ausencia da súa presidenta, Pilar Rojo, e sen vicepresidente, tras a renuncia de José Manuel Baltar Blanco. Con todo, tras uns minutos de espera para que chegase o deputado Francisco Cerviño, vicepresidente segundo, se puido celebrar a reunión para dar curso á petición.

CARTA AO VOCEIRO NACIONAL

   Teresa Táboas remitiu este mércores unha carta ao voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, na que comunicou a súa "intención de renunciar ao escano". "Dende o meu afecto e consideración, e coa petición de que a traslades aos órganos de dirección que corresponde, quero manifestarche a miña intención de renunciar ao escano que ocupo en representación do BNG no Parlamento galego", sinalaba na misiva.

   A desafección de Teresa Táboas coa liña política tamén lle levou, o pasado mes de novembro, a deixar a militancia de Máis Galiza, corrente liderada polo exvoceiro parlamentario Carlos Aymerich. Con todo, a exconselleira con Anxo Quintana participou na asemblea como militante de base do BNG e arroupou co seu apoio o proxecto común forxado por esa corrente e o Encontro Irmandiño de Xosé Manuel Beiras, aínda que tamén renunciou a formar parte da candidatura ao Consello Nacional.

El vídeo comenzará después de 21 segundos de publicidad.
Portal Turismo
 
la actualidad más visitada en www.europapress.es
El CICR confirma que las FARC liberarán al periodista galo el miércoles Nuevo disco de Bon Jovi a principios de 2013 Hesjedal remonta a 'Purito' y gana el Giro

www.europapress.es es el portal de actualidad y noticias de la Agencia Europa Press. Publicación digital auditada por OJD.
© 2012 Europa Press. Está expresamente prohibida la redistribución y la redifusión de todo o parte de los contenidos de esta web sin su previo y expreso consentimiento.