Foto: EUROPA PRESS
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Feb. (EUROPA PRESS) -
A Xunta de Galicia lanzou unha aplicación para móbiles de última xeración e tablets que permitirá obter información sobre a cobertura de televisón Digital Terrestre (TDT) en toda Galicia, segundo explicou este mércores o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro.
En rolda de prensa, Cabaleiro sinalou que a aplicación, denominado iTera, permitirá determinar o grao de cobertura de TDT do lugar no que se atope o usuario, as canles que se reciben, os centros emisores que prestan o servizo e a configuración e orientación da antena de recepción dos fogares.
Ademais, Cabaleiro destacou que iTera funciona coa tecnoloxía de realidade aumentada, permitindo ver sobre as imaxes reais da cámara información acerca dos centros emisores de TDT e o nivel de cada un dos múltiplex dixitais. Con todo, a aplicación estará dispoñible para iPhones e dispositivos con Android, pero non para Blackberry.
Pola súa banda, o director xerente de Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal), José Ángel Abeal, destacou que iTera supón un "avance importante" para instaladores e usuarios.
"Este sistema é especialmente útil para o rural e para unha realidade como a galega, que conta con 40.000 núcleos poboacionais, 400 centros emisores de TDT, o que dificultaba coñecer as circunstancias técnicas de cobertura de cada aldea e lugar", manifestou Abeal.
DOUS MÓDULOS
Así, iTera conta con dous módulos. O primeiro "optimiza" a busca do servidor de TDT, indicando as mellores orientacións para a recepción do sinal televisivo, mentres que o segundo permite aos instaladores comunicar as posibles incidencias da cobertura de TDT dende o lugar de traballo.
"Durante os procesos de transición á TDT a Xunta recibiu máis de 12.000 chamadas de cidadáns porque non se sabían como orientar para captar o sinal. Con este sistema poderase ver ofimáticamente a realidade das instalacións", resaltou Abeal.
Neste sentido, Abeal explicou que, aínda que existen aplicacións de realidade aumentada, iTera é a primeira gratuíta e pública relacionada coa TDT.
DIVIDENDO DIXITAL
Con todo, o director xerente de Retegal fixo fincapé en que a utilización desta aplicación "será crucial" nos cambios de frecuencias da TDT do chamado Dividendo Dixital, que se producirán a partir deste ano, xa que "axudará a simplificar" a información e antenización dos fogares.
"Ademais poderemos empregar iTera no rural para identificar as zonas con pouca calidade de recepción que terán que acceder ao servizo de TDT a través de satélite", remarcou Abeal.