A viguesa enferma que iniciou unha folga de fame invita a un acto o venres, o seu "último cartucho nesta batalla"

Vigo Foto Huelga De Hambre
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 19 junio 2013 13:56

VIGO 19 Jun. (EUROPA PRESS) -

Beatriz Martínez Figueroa, a viguesa enferma de cancro que iniciou o pasado 21 de maio unha folga de fame para denunciar a indefensión que sofren algunhas persoas que, como ela, están en "situación extrema" a causa da crise, invitou á cidadanía a un acto o próximo venres, cando se cumpre un mes do seu acto de protesta. Segundo anuncia, este será o seu "último cartucho nesta batalla".

Martínez Figueroa iniciou a súa folga de fame para denunciar o seu caso de "indefensión socioeconómica" e para "tratar de conseguir que se reflexione sobre o alcance que está a ter esta inxusta crise en grande parte da sociedade". Nese sentido, denuncia que as "recentes modificacións lexislativas supoñen un desamparo nos máis débiles, os enfermos, e os máis vulnerables, os desempregados", ao tempo que recorda que ela está en ambas as dúas situacións.

Así, denuncia como "as leis poden levar a unha persoa, por unha circunstancia inevitable como é o cancro, a unha situación de emerxencia", ao "percibir como únicos ingresos 426 euros durante todo o longo proceso de enfermidade a pesar de case 20 anos cotizados, e estar sen ningún ingreso os dous últimos meses entre subsidio e subsidio do INEM". Ao seu xuízo, isto é "incomprensible nun suposto estado de benestar" e, por iso, mantén que "está sendo desmantelado".

En canto á súa folga de fame, que iniciou baixo o lema 'O Sergas cúrache o cancro, INSS e INEM mátanche de fame', sinalou os médicos dixéronlle que non pode mantela no seu debilitado estado de saúde. Por iso, invita os cidadáns a participar e "alzar as voces xuntos" nun acto o próximo venres ás 20.30 horas na Praza da Constitución.

"Será, de momento, o meu último cartucho nesta batalla, pois hei de retirarme para unha obrigada recuperación", explica a muller, quen recorda, ademais, que combinou a súa folga de fame cunha campaña de concienciación á sociedade, tanto a pé de rúa como a través da súa páxina web, a cal supera as 2.000 visitas.

Contenido patrocinado