Quintana insiste en alcanzar a autodeterminación a través de "maiores cotas de autogoberno" e non por plebiscito

Aposta por iniciar conversacións sobre o Estatuto e pide aos galegos o seu respaldo nas xerais para "ser decisivos" en Madrid

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 25 julio 2007 17:36

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Jul. (EUROPA PRESS) -

O voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, insistiu hoxe na necesidade de que Galicia alcance a autodeterminación, pero a través de "maior capacidade de autoorganización" e "maiores cotas de autogoberno", e non como un "feito puntual, nin como unha decisión plebiscitaria".

No seu discurso tras a tradicional manifestación nacionalista do 'Día da Patria, que este ano percorreu as rúas de Santiago baixo o lema 'A forza que fai país', Quintana subliñou que a presenza do BNG na Xunta fai posible "impulsar novas políticas" para alcanzar a autodeterminación. "Os recursos de xestión política en mans do BNG constrúen todos os días espazos de decisión soberana de Galicia", subliñou.

Por iso, recordou que, nin o galleguismo histórico, nin o nacionalismo contemporáneo "entenderon nunca" o exercicio do dereito de autodeterminación como un "feito puntual ou unha decisión plebiscitaria", "senón como un proceso dinámico para alcanzar cada día maior capacidade de autoorganización e maiores cotas de autogoberno".

"Gobernamos e, ao mesmo tempo, coa nosa acción política, prefiguramos novos escenarios para exercer soberanamente o noso autogoberno nacional", sinalou ante preto de 15.000 persoas congregadas na Praza da Quintana e nos seus arredores, nunha das manifestacións máis numerosas dos últimos anos.

"Xestionamos recursos e presupostos, certo é, pero tamén exercemos nosas liberdades e dereitos como pobo que aspira á soberanía e como cidadáns libres", insistiu ante os aplausos dos asistentes que corearon "Galiza Ceive, poder popular". Neste sentido, Quintana destacou o traballo que o BNG realiza nas consellerías de Innovación, Medio Rural, Vivenda, Cultura e Asuntos Sociais.

Desta forma, afirmou que o nacionalismo seguirá "empeñado" en "facer país cada día" para que os galegos poidan decidir "libremente" o seu futuro. Así, relatou a traxectoria do BNG durante os últimos anos e recordou que nos 80 "resistiu contra todas as dificultades e desafíos", nos 90 "se consolidou" e vaticinou que o novo século trae ao nacionalismo "maior implantación territorial, introdución social e responsabilidade de goberno de toda a súa historia".

ELECCIÓNS

"Nunca gobernamos tanto e a tantos, nunca puidemos facer tanto por tantos e nunca tivemos tantas oportunidades de facer nación a diario", apuntou. Neste sentido, destacou os resultados alcanzados polo BNG nas pasadas eleccións municipais e reclamou os galegos que continúen apoiando ao nacionalismo para que Galicia teña unha representación "tal en Madrid" que quen goberne o Estado "necesite imperiosamente" ao Bloque ao seu lado.

"Estas eleccións xerais que veñen son a oportunidade para que o nacionalismo galego pese e decida na política estatal, e iso, conséguese con traballo, con compromiso e con votos," engadiu. Así, apostou por un estado plurinacional democrático que "non estigmatice aos nacionalistas" e advertiu que "non será o grupito de extrema dereita que goberna o PP en Madrid quen lle pinte ao BNG os seus límites", apuntou.

Non obstante, dirixiuse aos votantes do PPdeG que "están fartos" de que a dereita española "condene" a Galicia a ser "sempre de segunda". Por iso, reclamoulles que "camiñen xunto ao BNG" para que a comunidade "aproveite" as súas oportunidades e se poida aprobar un Estatuto "de todos".

ESTATUTO

Sobre esta cuestión, Quintana precisou que o BNG "renova o seu compromiso" para retomar as negociacións interrompidas o pasado febreiro. "A oportunidade de que Galicia teña o Estatuto de Nación que merece segue segue sendo o noso compromiso e témolo que aproveitar", agregou.

Así, criticou os populares por "intentar" que Galicia renuncie a ser unha nación e recordou que "se atoparon cunha resposta contundente, firme e intelixente" dun país que "quere ser unha nación con todas as súas consecuencias". "O PP pretendía que Galicia tivese un Estatuto rexional e de segunda", apuntou.

Sen embrago, insistiu en que, hoxe máis que nunca, Galicia é unha nación e, polo tanto, quere un Estatuto acorde a esta condición. "Galicia móvese pola forza e o impulso dunha maioría social clara e rotunda que aposta sen medo e sen complexos por ter o Estatuto de primeira que quere", engadiu.

Finalmente, Quintana referiuse ás negociacións sobre os Presupostos Xerais do Estado -PGE- para o próximo ano e anunciou que en 2008 ten que haber un "salto cuantitativo e cualitativo" para Galicia. Ademais, subliñou que será o BNG o "garante" de que a comunidade teña o que merece" para executar as granes infraestruturas e saldar a débeda histórica.

FEIJÓO

Previamente, e antes de comezar a manifestación, Quintana, en declaracións aos medios, cargou contra o PPdeG e contra o seu líder, Alberto Núñez Feijóo, pola ofrenda que onte realizou ante a tumba de Castelao. "Máis que flores o que tiña que ter é máis compromiso coa nosa lingua e a nosa cultura", espetou.

Ademais, criticou a esta formación por paralizar o Estatuto e reclamoulle que "levante o bloqueo" sobre o futuro texto. "Ese ese a homenaxe que tería que facer a Castelao e que o agradecería moito máis que un ramo de flores", proseguiu.

Tamén a secretaria nacional de Galicia Nova, Iria Aboi, criticou o PPdeG por realizar "actos simbólicos" ante os símbolos do nacionalismo galego e "ir en contra do idioma galego". Por iso, reclamou leis que garantan o ensino desta lingua porque subliñou que, "en Galicia, en galego".

MANIFESTACIÓN

A manifestación, que comezou pasadas as 12.00 horas, foi unha das máis numerosas dos últimos anos, e tamén unha das máis rápidas. Segundo a Policía Local, os asistentes foron 7.000, mentres que a organización estimou a afluencia en máis de 25.000 persoas. En todo caso, a Praza da Quintana estaba repleta e moito máis ataigada que noutras ocasións.

Baixo unha pancarta co lema 'A forza que fai país' situáronse Quintana e os principais membros da Executiva Nacionalista, entre eles, Xosé Manuel Beiras, Francisco Jorquera ou Francisco Rodríguez. Tamén estaban os catro conselleiros nacionalistas; Alfredo Suárez Canal, de Medio Rural; Fernando Blanco, de Innovación; Teresa Táboas, de Vivenda e Ánxela Bugallo, de Cultura, así como numerosos membros do consello Nacional, alcaldes e concelleiros.

Durante o traxecto, os manifestantes recorreron aos tradicionais eslóganes da formación frentista como 'Quen queira, quen non, Galiza é unha nación', 'Galiza ceive, poder popular', 'Quen queira, quen non, Estatuto de nación', 'Sempre en Galiza, sempre en galego' e 'Aquí se ve, Galiza en pé', entre outros.

Contenido patrocinado