SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Abr. (EUROPA PRESS) -
Un amplo operativo busca este xoves na zona do faro de Fisterra (A Coruña) a Antonio Carro Lata, un veciño de Frades que se atopa desaparecido desde o pasado martes.
Aínda que o mércores a procura centrouse en Mesía (A Coruña), novas pescudas apuntan a que o home se dirixiu en taxi ao faro de Fisterra, onde se moven agora as batidas.
Por tal motivo, hai catro patrullas da Garda Civil percorrendo a costa e facendo xestións, unha delas do Seprona con motos, ademais do servizo aéreo da Benemérita. Tamén hai drons da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), unha patrulla da Policía Local e outra de Protección Civil.
O Concello de Frades solicitara axuda dos veciños desde as súas redes sociais para dar con Antonio, de 69 anos de idade e veciño de Papucín.
O home, de 1,70 m de altura e complexión forte, vestía camisa de cadros finos marrón e amarela, pantalón gris, chaqueta azul escuro coas letras DAF e calzaba zuecos. O Concello pediu que se comunique ao 112 calquera información sobre o seu paradoiro.