LUGO, 25 Jun. (EUROPA PRESS) -
O brote de coronavirus detectado na comarca da Mariña rexistrouse após "unha reunión familiar hai uns días" en Xove (Lugo), segundo informou a Europa Press o alcalde da localidade, José Demetrio Salgueiro, que precisou que só una das oito persoas que deron positivo é deste municipio.
En concreto, trátase dunha persona duns 60 anos, que se atopa en corentena no seu domicilio. O resto son familiares que residen noutros municipios próximos desta comarca, segundo sinalou.
"Son un pai, as fillas, os xenros, de diferentes idades", expuxo o rexedor, que subliñou que "case todos" están asintomáticos" en liña co manifestado pola Consellería de Sanidade.
Após este brote, o alcalde admitiu que existe "preocupación", pero apelou á tranquilidade entre a poboación, á que instou, no entanto, a manter as "medidas de precaución". "A distancia e o uso de máscaras", lembrou.
"Había certa relaxación", admitiu o alcalde, que insistiu en que o "risco alto" persiste pola presenza do virus a pesar da entrada na 'nova normalidade'. "Está entre nós e hai que evitar que se propague", recalcou.
Desde a Consellería de Sanidade, confirmouse a última hora do mércores a aparición deste brote, detectado a través da plataforma de vixilancia e control epidemiolóxica e os servizos de medicina preventiva e saúde pública do Sergas.
En concreto, detectáronse o martes pola tarde oito casos positivos en coronavirus, todos eles pertencentes ao círculo familiar no que se rexistrou o primeiro caso.
PROBAS PENDENTES
Até o momento, mediante as probas realizadas, confirmouse a existencia de oito positivos en COVID-19 (incluído o caso inicial), catro negativos e 25 máis pendentes de resultado. Do oito positivos, Sanidade aclarou que a maioría eran asintomáticos e dúas presentaban sintomatoloxía de carácter leve, todos en corentena durante 14 días.
Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecerán en seguimento no seu domicilio, asesorados pola plataforma de vixilancia epidemiolóxica e os servizos de medicina preventiva e saúde pública do Sergas. Ningún afectado, segundo Sanidade, tivo que ser hospitalizado.
Por outra banda, rastrexouse até o momento a unhas 40 persoas relacionadas con este brote familiar e séguense investigando posibles contactos.