A CORUÑA, 20 Dic. (EUROPA PRESS) -
Un home foi detido na tarde deste sábado acusado dun delito de tentativa de homicidio por supostamente acoitelar a unha compañeira no piso que compartían con outras persoas na Coruña e no que se rexistrou un incendio.
Foi un particular o que alertou sobre as 14,10 horas de que se produciu unha agresión nun edificio situado no número 28 da rúa Paseo de Rolda.
Segundo confirmaron fontes próximas á investigación, alí un home supostamente feriu cunha arma branca á muller, que resultou ferida de consideración e tivo que ser trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).
Estas fontes indicaron que o presunto agresor e a vítima eran compañeiros de piso, polo que non se investiga o caso como violencia de xénero.
No inmoble, ademais, declarouse un incendio, cuxas causas tamén investigan as forzas e corpos de seguridade.
Ao lugar desprazáronse os servizos de Urxencias Santiarias de Galicia, a Policía Local, a Policía Nacional, así como os bombeiros da Coruña, que sufocaron o incendio que se rexistrou e que causou unha forte fumareda.