Os dous detidos polo secuestro a un menor en Burela (Lugo) pasarán na mañá do mércores a disposición xudicial

Europa Press Galicia
Publicado: martes, 24 octubre 2023 13:19

   LUGO, 24 Oct. (EUROPA PRESS) -

   As dúas persoas detidas en relación co secuestro a un menor de idade, de 16 anos, ocorrido o luns en Burela (Lugo) pasarán a disposición xudicial ao longo da mañá deste mércores.

   En concreto, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), os dous apresados serán trasladados até o Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro.

   Os feitos desenvolvéronse na xornada do luns e a investigación para esclarecer as circunstancias que rodean a este espisodio aínda segue aberta, de acordo coa Garda Civil.

   A presenza dos axentes na rúa Rosalía de Castro, moi céntrica da localidade mariñá, chamou a atención dos veciños dado o importante despregamento desde a madrugada até a tarde.

   As dúas persoas detidas permanecen nos calabozos do cuartel da Garda Civil na localidade lucense, á espera de pasar a disposición xudicial na mañá deste mércores.

   A alcaldesa de Burela, Carmela López, confirma a Europa Press que o menor está "ben" e traslada o seu recoñecemento ás forzas de seguridade que interviñeron no operativo polo seu "éxito".

   A rexedora manifesta a súa "condena e repulsa polos feitos ocorridos" o luns no municipio e que sorprenderon a moitos veciños do centro. "Afortunadamente, saíu todo ben", conclúe López, querendo ser prudente de non dar máis datos para favorecer o transcurso da investigación.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado