Os usuarios da Pass Vigo pagarán en 2024 entre un 5 e un 10 % máis polo billete de bus

PP e BNG censuran que se incremente o prezo do billete en plena folga e cun servizo "precario e insuficiente"

Europa Press Galicia
Publicado: martes, 2 enero 2024 14:48

VIGO, 2 Ene. (EUROPA PRESS) -

A concesionaria do bus urbano de Vigo, Vitrasa, aplica desde este 1 de xaneiro unhas novas tarifas bonificadas, é dicir, as que pagan os usuarios do cartón Pass Vigo, con incrementos que oscilan entre o 5,4 e o 10,2 %, mentres que o prezo do billete ordinario mantense por agora en 1,49 euros (prezo fixado en marzo de 2023).

Deste xeito, o billete bonificado normal pasa de 0,49 a 0,53 euros; a tarifa de estudante pasa de 0,47 a 0,51 euros; a de universitario sobe de 0,37 a 0,39 euros; e o billete social pasa de 0,39 a 0,43 euros.

Os grupos da oposición, PP e BNG, denunciou este incremento de tarifas co visto e prace do goberno local, e nun momento de conflito laboral na concesionaria do bus urbano, cando precisamente o servizo que se presta é de menor calidade.

O concelleiro do PP, Miguel Martín, criticou que o alcalde, Abel Caballero, "castiga" aos vigueses cun encarecemento "innecesario e inxusto" dos bonos, que se suma á subida de taxas e impostos municipais do 4 % este ano 2024. Así mesmo, censurou que a subida dos billetes bonificados é "incomprensiblemente" maior, porcentualmente, no chamado bono social (que sobe un 10,2 %).

"Trátase dun novo 'sablazo' aos vigueses nun momento aínda de alta inflación e incerteza, e que se suma á subida xeneralizada dos impostos e taxas municipais", subliñou, e lembrou que as bonificacións da Xunta ao transporte metropolitano, por contra, si se manteñen.

Martín cualificou a subida de "encuberta", porque non foi previamente anunciada, aínda que si aparece na web da empresa Vitrasa, e lamentou que se produza en pleno conflito laboral na concesionaria, cun goberno local e un alcalde que seguen "vendo para outro lado" mentres segue empeorando a calidade do servizo.

"SERVIZO PRECARIO E INSUFICIENTE"

Tamén o grupo municipal do BNG criticou esta subida das tarifas bonificadas de forma "inxusta e inxustificada" e advertiu de que, nas próximas semanas, tamén subirá o prezo do billete ordinario, que pasará de 1,49 a 1,57 euros.

O portavoz do grupo nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, reclamou unha "rectificación" ao goberno local, que aposte por un sistema tarifario que promova o uso do bus, e que sexa "sensible" coa crise social que afecta a un gran número de vigueses.

Após criticar que a subida se adoptase de forma "unilateral", lembrou que o Concello dispón de recursos económicos suficientes para evitar eses "aumentos desorbitados" aos usuarios do cartón Pass Vigo, e criticou un aumento de tarifas cun servizo de bus "precario e insuficiente", con menos frecuencias e cun mapa de liñas "obsoleto".

Finalmente, o BNG propuxo novas medidas e bonos para fomentar o uso do bus urbano: conxelar o bono ordinario nos 0,49 euros; equiparar o bono estudante co universitario; implantar un bono social gratuíto para desempregados e persoas vulnerables; e estender a gratuidade aos menores de 14 anos.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado