SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Ago. (EUROPA PRESS) -
O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista, Ismael Rego, considerou hoxe que o informe do Consello de Contas sobre a xestión da Cidade da Cultura permite "enxergar que houbo unha gran fraude" e xustifica a creación dunha comisión de investigación no Parlamento galego, que segundo el apoiarán PPdeG e BNG.
"Teño a completa seguridade de que será apoiada por todos os grupos", interpretou Rego no transcurso dunha rolda de prensa, na que dixo descoñecer as críticas do voceiro nacionalista na Cámara, Carlos Aymerich, á posta en marcha deste órgano investigador.
De todos os xeitos, avanzou que ao longo do día de hoxe falará co BNG sobre a posta en marcha da comisión, que anunciou o presidente da Xunta e líder socialista, Emilio Pérez Touriño, nun acto do PSdeG celebrado o pasado sábado na localidade lucense da Fonsagrada.
En canto á participación do PP galego, Rego deuna por feita despois de que o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, instase a Touriño a levar á Fiscalía as presuntas irregularidades na xestión do proxecto. "Non sei a que espera para remitilo el", trasladou o socialista a Feijóo.
Nesa mesma liña, lembrou que o líder popular era vicepresidente da Xunta no ano 2004, ao que se refire o informe do Consello de Contas, polo que concluíu que da cuestión da Cidade da Cultura e a súa xestión "ten que saber cantidade".
OBXECTIVO DA COMISIÓN.
O voceiro socialista incidiu en que a comisión de investigación non pretende poñer en cuestión o proxecto do Monte Gaiás, senón "como foi xestionado" e se da "suposta fraude" se poderían derivar responsabilidades. "Hai que saber en favor de qué interese se deron" as irregularidades, explicou Rego.
Así, considerou que o órgano "é de relevancia" e explicou que non só se trata de mirar atrás, senón que servirá para que non se repitan estas situacións no futuro, xa que os galegos terán que pagar "durante moitos anos" os máis de 300 millóns de euros "nos que estamos embarcados" co proxecto.
O deputado socialista indicou ademais que a actual Xunta non realizou "nin unha licitación", polo que considerou que o "obxectivo primordial" da comisión debe ser investigar sobre os datos postos de manifesto polo informe do consello de contas. Por iso, concluíu que "non hai razón" para analizar a xestión do proxecto efectuada polo Goberno bipartito.
De todos os xeitos, explicou que non porán "atrancos" se algún dos grupos pretende ampliar a investigación, do mesmo modo que apostou por que sexa no seo da propia comisión onde se decidan as comparecencias, que en todo caso serán aquelas persoas "máis próximas á xestión".
Finalmente, Rego citou ata dez elementos sacados do informe do consello de contas polos que estaría xustificada a creación dunha comisión de investigación, baseados fundamentalmente na inexistencia de control do proxecto e na "discrecionalidad por parte do Goberno do PP" e a vulneración das normas de contratación administrativa durante o proceso.