ADRIAN IRAGO-EUROPA PRESS
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Feb. (EUROPA PRESS) -
Renfe confirmou que manterá para este sábado, e por terceiro día consecutivo, a suspensión de trens con orixe e destino Vigo, o que afectará o servizo a Santiago de Compostela e a Ourense, como en días anteriores. Mentres, a venda para estas liñas continúa bloqueada desde este venres.
Segundo informou a operadora, a anulación tamén responde as condicións climatolóxicas e ao "risco extremo" de inundacións. Esta suspensión prodúcese despois de que Renfe bloquease na pasada tarde a compra de billetes até o luns inclusive, día no que está previsto o comezo da folga do sector ferroviario.
Na información compartida este sábado, Renfe remarcou que si se está realizando o servizo de alta velocidade entre A Coruña-Santiago de Compsotela-Ourense.
Con todo, os viaxeiros que vaian de Vigo ou Pontevedra a Ourense deberán de contratar medios alleos a Renfe. Así mesmo, a operadora facilitará aos usuarios cambios e anulacións de billetes sen custo, como vén facendo.
SUSPENSIÓN "A PETICIÓN" DE RENFE
Nos pasados días, Renfe insistiu en que, a pesar de que Adif autorizase a circulación "nalgúns tramos", decidiu seguir con servizos suprimidos até a melloría das predicións de risco para "dar garantía a traballadores e viaxeiros".
Pola súa banda, Adif remarcou que a suspensión foi "a petición da operadora": "Nós non tiñamos ningún punto danado". No entanto, durante esta o venres rexistráronse dúas incidencias que afectaron a trens de mercadorías, segundo indicaron fontes consultadas por Europa Press.