SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 May. (EUROPA PRESS) -
A USC uniuse este martes ás celebracións en homenaxe a Francisco Fernández del Riego, autor a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, nun acto no que se enxalzou especialmente a faceta universitaria do homenaxeado.
O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acolleu este acto, presidido polo reitor, Antonio López, no que o catedrático de Filoloxía Galega Henrique Monteagudo pronunciou a conferencia 'Francisco Fernández del Riego: ao seu xeito rebelde'.
Nela, Monteagudo fixo un repaso por todas as etapas de del Riego: o período de formación, até 1936; a fase escura "de supervivencia", de 1936 a 1945; a fase de plenitude "no longo período de resistencia", até 1975; o período de transición, até 1988; e a fase de "memoria e divulgación", desde 1988 a 2010.
"Se houbese que caracterizar en poucas palabras a súa traxectoria vital diría que foi enormemente produtiva e marcada por unha fidelidade estrita aos seus ideais galeguistas. Foi un incansable activista da cultura e a lingua galega", remarcou o catedrático de Filoloxía Galega.
"GALEGUIZACIÓN" DA UNIVERSIDADE
Do mesmo xeito, Monteagudo destacou tamén a súa actividade como xestor e dinamizador cultural, "tanto ou máis significativa que a súa produción escrita".
Neste sentido, expuxo tamén o papel de del Riego como "impulsor, realizador, tejedor de redes", ademais de propor "alimentar e manter viva unha idea de Galicia que nacera no Rexurdimento e que tomou corpo no tempo das Irmandades da Fala".
Para concluír, Monteagudo sinalou que "todas as universidades teñen un longo camiño por percorrer" cara á "galeguización, á que el tanto contribuíu". "El é dos nosos e nós somos dos seus", finalizou.
Un trío de corda foi o encargado de pór música a un acto que tamén contou coa intervención de Francisco Cidrás Escaneo, director do Departamento de Filoloxía Galega, que reivindicou esta conmemoración como unha homenaxe aos profesores expedientados e expulsados das aulas da universidade compostelá "cando a liberdade faltaba".
Ademais, nunha iniciativa organizada polo profesor Xosé Salgado Rodríguez, varios alumnos de Filoloxía Galega procederon á lectura dos textos memorialísticos 'Camiño andado' e 'O río do tempo'. "Don Paco foi sempre un activista e tiña fe cega na mocidade. Queremos que a súa memoria se faga hoxe audible na voz dos nosos alumnos que están a finalizar o terceiro curso do grao de Filoloxía Galega", relatou Salgado.
VOLVE "A VOZ DO ESTUDIANTADO"
No ano académico 1933-1934, Francisco Fernández del Riego, nese momento estudante universitario, interveu no acto de apertura de curso da USC cun "épico discurso".
Por iso, con motivo desta celebración do Día das Letras Galegas na institución compostelá, o reitor, Antonio López, aproveitou para anunciar que a USC retomará no próximo curso esa tradición, segundo a cal un representante do alumnado intervirá cada ano nas cerimonias solemnes de inauguración.
"Na USC vai volver escoitarse a voz do estudiantado nos actos solemnes de inauguración de curso, coincidindo ademais coa constitución e funcionamento efectivo do Consello do estudantado. É tempo xa de que tamén o estudantado teña a voz que se merece nos actos. Eles conforman a esencia da Universidade", proclamou Antonio López.
LIBRO HOMENAXE
Así mesmo, a USC participou na edición da obra 'Francisco Fernández del Riego. Ao meu xeito rebelde', coordinado por Henrique Monteagudo e Xosé M.Salgado.
Esta obra conta con textos de Xesús Alonso Montero, Víctor F. Freixanes, Camiño Noia e Ramón Nicolás Rodríguez, ademais das achegas dos propios coordinadores.